Actualidade

« Atrás

Mastodon a posible alternativa a Twitter

Data:  venres, 16 de decembro de 2022

 
Unha onda de persoas usuarias inesperada chegou a Mastodon tras o anuncio da intención de compra de Twitter por parte de Elon Musk, o pasado mes de abril. Meses despois, cando esa intención converteuse en realidade, unha desbandada moito máis evidente volveuse a producir entre estas dúas redes sociais.
 
Se ti tamén estás a pensar en pasarte de Twitter a Mastodon, pero non sabes ben en que consiste esta rede social, hoxe ímosche a falar dela.
 
Para empezar, podemos describir a Mastodon como unha rede social de microblogging cunha estética e funcións parecidas ás de Twitter. Unha rede social libre e federada, considerada unha alternativa libre, aberta e sen censuras. Non está controlada por unha única empresa ou servidor, senón que funciona utilizando unha federación descentralizada de servidores, todos eles executando o seu código libre e aberto publicado ao alcance de todas e todos no seu perfil de Github.
 
Poderiamos dicir que é unha rede social composta, á súa vez, por varias redes, onde as persoas usuarias poden crear diferentes servidores, aos que se lles chama instancias ou comunidades e aos que se debe acceder para crear unha conta. Unirte a unha instancia non significa que non poidas seguir as contas que che interesan de persoas doutras instancias, tan só terás que saber a cal pertencen para poder facelo. Estas instancias poden lembrarnos ao clásico funcionamento dos foros e adoitan estar vertebradas por temáticas ou intereses comúns entre as súas persoas usuarias ou ben por rexión xeográfica. Ao unirte á instancia recibes información sobre as súas normas de uso, que normalmente teñen que ver cuns mínimos de conduta respectuosa e uso adecuado. Tamén, podemos migrar dunha instancia a outra sen perder persoas seguidoras, creándonos unha conta no servidor que nos interesa e movéndonos dunha a outra, xa que non podemos pertencer a máis dunha instancia á vez.
 
Unha vez creada a conta xa podemos empezar a buscar aqueloutras contas ou persoas que nos interesen, iso si, é importante saber en que instancia atópanse para poder seguilas.
 
Por outra banda, as mensaxes que escribas en Mastodon chámanse Toots e poden ter ata 500 caracteres. Á hora de tootear podemos facer mencións, utilizar hashtags, engadir imaxes e emojis, así como elixir a quen quero que se lle mostre o noso toot.
 
Ademais, outra particularidade desta rede social é que conta con 3 liñas temporais.  
 
• En primeiro lugar, está a liña de tempo principal, que mostra as mensaxes de todas as contas ás que seguimos. 
• Logo está a liña de tempo local, que mostra as mensaxes das persoas integrantes da instancia á que che rexistrastes. 
• E, por último, a historia federada, considerada como un conxunto de liñas de tempo públicas nas que podes ler as mensaxes das persoas usuarias doutras instancias.
 
icir, ademais, que no que respecta aos perfís, son moi parecidos aos de Twitter, tamén inclúen a foto de perfil, o nome da persoa usuaria e unha pequena descrición, así como todos os seus toots compartidos.
 
Por tanto, como puidemos ver, o funcionamento de Mastodon e o de Twitter son moi similares, con algunhas excepcións e diferenzas que poden facer que nos decantemos por unha ou outra. E a ti, que che parece esta alternativa á rede social do paxarito azul?
 
María Aller
Asesora TIC

 

Fonte:  SmartPeme