Actualidade

« Atrás

Márketing en BeReal: fai crecer a túa marca coa rede social do momento

Data:  venres, 07 de outubro de 2022

 
E se te digo que tes 2 minutos para publicar nunha rede social o que estás a facer neste momento? E que ademais non podes utilizar ningún tipo de filtro e publicarase a túa cara e o que esteas a enfocar co teu móbil nese instante? E que ese instante non o elixes ti, senón que o establece a rede social para todas as persoas usuarias?
 
Seguro que te pareceu unha formulación totalmente disruptiva co concepto "rede social" que manexamos ata o momento. Pois esta é a proposta da nova rede social BeReal, que xa é líder de descargas e supera os 10 millóns de persoas usuarias diarias no mundo.
 
Como funciona BeReal? 
 
BeReal é unha rede social innovadora e baseada na espontaneidade. Evita a excesiva preprodución ou artificialidade das publicacións nas redes sociais habituais e busca reflectir a vida real das súas persoas usuarias.
 
Cada día, nun momento aleatorio, todas as persoas usuarias da aplicación reciben unha notificación e deben subir unha fotografía nos dous minutos seguintes. En caso de pasar os dous minutos establecidos, a aplicación avisará a todas as persoas usuarias de que esa publicación non é real. Esta fotografía farase coa cámara interna da aplicación, de modo que tomará unha foto coa cámara traseira do móbil, para mostrar o lugar en que se atopa a persoa usuaria, e coa cámara frontal ao mesmo tempo, para mostrar á persoa que realiza a fotografía. Todo iso sen posibilidade de utilizar filtros que distorsionen a realidade. Se elixes non facer a foto no momento indicado, non poderás ver as publicacións que publiquen outras persoas usuarias. Ademais, as publicacións realizadas son efémeras, como sucede coas historias de Instagram ou Facebook, aínda que conta cunha sección onde poderemos ver todas as fotografías publicadas.
BeReal conta, tamén, cunha función de mapa, que permite coñecer a localización xeográfica dos contactos de cada persoa usuaria cando soben a súa foto. Deste xeito, podemos explorar que están a facer as persoas ao noso ao redor. Proporciona, ademais, a opción de chat entre persoas usuarias e a realización de comentarios, pero non utiliza os conceptos de persoas seguidoras ou likes que tanta controversia crean noutras redes sociais.
 
Popularidade de BeReal
 
Como cada vez que algunha funcionalidade dixital triunfa, e para demostrar o alcance do éxito desta rede social, outras aplicacións como Instagram ou TikTok están a traballar en funcionalidades similares. Por exemplo, con TikTok Now, a persoa usuaria recibirá a unha hora determinada e sen aviso previo, unha notificación para que realice unha nova publicación nun tempo limitado.
 
Márketing en BeReal para a túa marca 
 
Xa sabes como pode utilizar BeReal calquera persoa, pero como pode axudar á túa marca esta rede social "anti-postureo"? A filosofía de mostrar "a realidade" pode ser unha gran oportunidade para a túa marca, de modo que se mostre máis próxima, xerando confianza e fidelizando así ás súas persoas usuarias.
 
Algunhas estratexias para seguir poden ser:
  • Ensinar a parte máis humana do teu negocio, que sucede de portas para dentro, para xerar confianza e que se perciba un valor adicional no teu produto ou servizo. 
  • Compartir promocións efémeras, como cupóns, que só obteña quen vexa dita publicación a tempo.
  • Xogar coa periodicidade das publicacións (unha vez ao día) para "enganchar" ás persoas usuarias co noso contido diario.
Se contamos coa suficiente flexibilidade e capacidade de seguir as tendencias, podemos utilizar BeReal para a nosa estratexia de "Real Time Márketing", que se basea en realizar contidos relacionados con eventos actuais, que están a suceder en tempo real. Coa devandita estratexia terás un alcance potencial enorme de persoas usuarias interesadas nun mesmo suceso ao mesmo tempo. 
 
De momento, non é posible realizar publicidade paga na aplicación, polo que teremos que espremer as súas opcións "orgánicas" para chegar ás persoas que forman o noso público obxectivo.
 
En Smartpeme podemos axudarte a crear o teu plan de márketing dixital, incluíndo a estratexia de redes sociais máis adecuada para o teu negocio. Solicita a túa cita de asesoramento hoxe mesmo e consegue o éxito a través das ferramentas dixitais.
 
 
Esther Garcinuño 
Asesora TIC
 

Fonte:  SmartPeme