Actualidade

« Atrás

Os galegos gastaron o ano pasado unha media de 864 euros en compras en liña

Data:  mércores, 21 de xaneiro de 2015

Segundo datos extraidos do Observatorio Cetelem 2014 Ecommerce, o gasto medio dos galegos en compras en liña ao longo do ano que vimos de deixar atrás foi de 864 euros. Estas e outras informacións, extraidas pola Revista do Eixo Atlántico, constatan que aínda nos queda camiño por percorrer, xa que estamos uns 400 euros por baixo da media española, cunhas compras que suman os 1.330 euros. Os produtos máis mercados polos galegos foron libros-música, entradas de espectáculos e viaxes. Ademais, un 77% paga a través de PayPal fronte ao 71% da media.


Por outra banda, o informe do Observatorio tamén sinala que cando formalizamos unha operación de compra, inclinámonos polo domicilio propio para levar a cabo o proceso de remate, e así asegura facelo o 98% dos compradores en liña da nosa terra. No que atinxe á tecnoloxía usada para estes procesos, o computador persoal segue a ser o preferido pola maioría dos nosos internautas, cun 79% rematando as compras única e exclusivamente a través do computador, sendo a media española do 76%.


O devandito informe á a primeira edición dos estudos sobre comercio electrónico da empresa francesa Cetelem. Trátase dun novo estudo para analizar as comprasonline dos cidadáns españois en distintos sectores da distribución tradicionalmente estudados polo Observatorio Cetelem: electrodomésticos e tecnoloxía, móbeis e descanso, cociña, telecomunicacións, deportes, bicicletas, automóbil, moto, piscinas, reformas, eventos e viaxes. Os datos analizados e as reflexións vertidas nesta edición do Observatorio Cetelem eCommerce 2014 obtivéronse a partir da enquisa en liña a 1.343 consumidores e de entrevistas persoais a unha escolma expertos e empresarios do comercio electrónico.


O Observatorio Cetelem publícase nos países nos que ten presenza a compañía francesa (Alemaña, Bélxica, España, Francia, Italia, Portugal, Hungría, República Checa, Serbia, Eslovaquia, Polonia, Romanía), Turquía (mercado del automóbil), Rusia e en Brasil.

http://www.codigocero.com/Os-galegos-gastaron-o-ano-pasado

Fonte:  Código Cero