Actualidade

« Atrás

As TIC e a súa importancia no turismo e na redución de custos

Data:  xoves, 29 de decembro de 2022

Todas as empresas turísticas teñen como obxectivo principal xerar máis beneficios e, para conseguilo, deben reducir custos, ser cada vez máis competitivas e conseguir adaptarse á contorna tan cambiante que as rodea. Tendo en conta que o número de empresas que se integran á industria do turismo crece día a día e este sector avanza a pasos axigantados, a innovación é case unha obrigación para destacar no mercado.
 
Pero, non basta con innovar. Neste mundo globalizado faise necesario comunicar esa innovación e facelo de forma correcta e adaptada ao que a persoa consumidora esixe e necesita. Aquí é onde entran en escena as Tecnoloxías da Información e Comunicación (coñecidas por todo o mundo como as TIC) que se encargan de buscar novas fórmulas de comunicación a través de ferramentas tecnolóxicas.
 
No avance destas tecnoloxías xogou un papel fundamental a pandemia mundial producida polo COVID-19, que acelerou a implementación de situacións ata o momento practicamente descoñecidas, como o novo modelo do teletraballo, métodos de identificación e pago sen contacto e un longo etcétera...
 
Por tanto, poderiamos dicir que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ou TIC na industria turística han facilitado a distribución da información e dos produtos turísticos a través de internet. A clientela non ten a necesidade de desprazarse para comprar; pode reservar un aloxamento, un billete de tren ou alugar un coche desde a súa casa ou desde o seu teléfono en calquera lugar do mundo. Isto cambiou a forma na que a persoa viaxeira planifica as súas viaxes e compra, podendo consultar grandes fontes de información (como recensións, fotos, mapas…) antes de tomar a súa decisión.
 
Ademais, desde o punto de vista da comunicación, as canles de información propios como a páxina web, as redes sociais ou o correo electrónico han ido tomando cada vez máis importancia nas estratexias de comunicación das grandes e pequenas empresas turísticas. Xa non resulta imprescindible pagar por realizar un anuncio na televisión ou nunha revista especializada para facer chegar as promocións e produtos á clientela. Por tanto, as TIC converten a promoción turística nunha opción moito máis alcanzable.
 
Por outra banda, as grandes empresas turísticas tamén tiveron que ir constantemente implementando nova tecnoloxía no desenvolvemento das súas infraestruturas para ser cada vez máis competitivas. É o caso da creación de chaves a través dun QR que chegan ao teléfono da persoa viaxeira e permiten abrir a porta do seu aloxamento sen necesidade de que ninguén teña que estar pendente ou esperando por ela para entregarlla ou facer o check-in; o que permite aforrar custos en horas do persoal.
 
Ademais, existen numerosas innovacións en sistemas de aproveitamento de augas pluviais, xestión de residuos, eficiencia enerxética, iluminación intelixente, detección de xanelas abertas que interrompen automaticamente o aire acondicionado… Todo para conseguir reducir os gastos nunha industria cada vez máis competitiva e con problemas para atraer e reter persoas traballadoras.
 
 
Patricia Cabaleiro
Asesora TurisTIC
 

Fonte:  SmartPeme