Actualidade

« Atrás

As novas tecnoloxías reinventan as pequenas empresas e autónomos da provincia de Pontevedra

Data:  venres, 26 de setembro de 2014

Tras a posta en marcha da primeira oficina do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE) 2.0 para as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes o pasado 15 de marzo, coa que se iniciaba a apertura dos seis puntos CPAE 2.0 ó longo de toda a provincia de Pontevedra, faise este mes de setembro o primeiro semestre de intensivo traballo nos puntos CPAE 2.0 da Deputación de Pontevedra, momento no que as pequenas empresas e autónomos que están sendo asesorados no ámbito das TIC e das Novas Tecnoloxías mostran gran satisfacción polos servizos que reciben.

No que atinxe ós números do CPAE 2.0, desde a súa posta en marcha xa utilizaron os servizos dispoñibles máis de 370 empresas, das cales o 75 % son micropemes e o 25 % profesionais autónomos. Na actualidade están sendo asesoradas máis de 273 empresas e autónomos que o solicitaron e resolvéronse un total de 292 consultas de distintas temáticas, que van desde como ter presenza na internet, o uso das redes sociais, ferramentas de xestión empresarial, ata o comercio electrónico, certificados dixitais, etc. O reparto por xéneros sitúase nun 45 % de mulleres e un 55 % de homes. A meirande parte deles son persoal directivo con idades comprendidas entre os 30 e 45 anos. Os sectores que máis demandaron estes servizos foron o sector comercio, cun 24 %, e o da construción, cun 12 %, seguidos polas pequenas empresas de ámbito pesqueiro e gandeiro.

Control da calidade do servizo prestado

Un proxecto da dimensión do CPAE 2.0 precisa dun control exhaustivo que garanta a calidade dos servizos prestados. Para este cometido, a Deputación contratou unha empresa externa ó proxecto encargada de realizar o seguimento continuo. No último informe de seguimento realizado constátase a satisfacción dos empresarios asesorados, que valoran o servizo cunha cualificación de 4,2 sobre 5. Tamén destaca que o 80 % dos servizos requiridos ata o momento foron solicitudes de información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC. Estes servizos de asesoramento inclúen un plan de mellora, que xa se está levando a cabo en cada unha das empresas, e están relacionados nun 21,4 % dos casos con temas sobre publicidade, mercadotecnia en liña e redes sociais, nun 17,6 % sobre comercio electrónico e nun 11,5 % sobre axudas e subvencións. O resto de demandas distribúense equitativamente. As empresas foron atendidas de forma presencial nos puntos CPAE 2.0 na maioría dos casos, aínda que tamén se empregan outras canles de comunicación como o teléfono e o correo electrónico.

Primeros casos de éxito del CPAE 2.0

Amancio Varela, xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, sinala á redacción de Código Cero que xa están chegando os primeiros casos de éxito ó Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0. Entre eles podemos destacar o caso de Miguel Ángel García, autónomo residente no concello de Poio que traballa no sector do moble clásico e moderno e que está concienciado e ve necesaria a adopción de novas formas de facer as cousas no seu sector. É representante de grandes marcas para a venda de mobles a establecementos galegos que teñen graves problemas para sacar os excedentes as súas tendas. Neste caso decidiu poñer en marcha, apoiado polos asesores do CPAE 2.0, un portal de comercio electrónico desenvolvido na plataforma de código aberto Prestashop e que no futuro deberá integrarse coa ferramenta de xestión seleccionada para este negocio. Neste portal as tendas de mobles poderán colgar os seus produtos e os clientes contactar con eles para cerrar o trato e recibir na súa casa os mobles, que tamén serán instalados. Este é un proxecto pioneiro en Galicia, que supón a creación dun mercado propiamente dito para o sector do moble galego e que pretende acadar a adhesión de empresas da provincia de Pontevedra e de moblerías das outras tres provincias galegas.

Outro dos casos de éxito é o da Administración de Loterías de Barrantes-Ribadumia, rexentada por Xesús Alonso, que ó chegar á oficina do CPAE 2.0 tiña claro que quería montar un sistema de venda de lotería a través de internet co obxectivo de mellorar as vendas en períodos de moita afluencia de público como a tempada do Nadal, xa que nesta época do ano non son capaces de vender por portelo toda a demanda dos seus clientes. O plan de mellora proposto polo asesor do centro CPAE 2.0 pasa pola posta en marcha dunha aplicación web avanzada baseada na solución Gadmin® Mobile, portal virtual específico para a venda na rede de Loterías e Apostas do Estado optimizado tamén para o seu uso en dispositivos móbiles.

Outro exemplo é o dunha cafetería que vende bocadillos preto dun instituto e que tiña un problema loxístico ó coincidir todos os pedidos na hora do recreo, o que provocaba importantes colas debido a que os empregados non eran capaces de atender tantos pedidos simultaneamente. Como solución propúxoselle utilizar Whatsapp para que os rapaces fixeran o pedido antes do recreo e poder preparalos con antelación. Como resultado, a cafetería vende un 40 % máis.

Finalmente, queremos subliñar o caso de Virginia Pérez, unha venezolana afincada no Porriño desde hai moito tempo e que ten unha empresa que comezou a exportar viños galegos a Latinoamérica creando alá o seu propio canal de distribución. Neste caso o plan de mellora individualizado que se está a desenvolver inclúe a creación da súa plataforma web cun CMS (Content Management System) para obter credibilidade con estes distribuidores e a implantación dun pequeno programa de xestión de software libre que lle dea axilidade e control sobre a loxística, permitíndolle priorizar os pedidos que cheguen do outro lado do Atlántico. Coa súa web pretende darlles ese punto de confianza ós seus distribuidores e ofrecer na súa parte privada todos os servizos ó canal. «Cando falas do Rioja todo o mundo o coñece, mais o albariño non, e paréceme unha mágoa que a xente perda algo tan bo», afirma Pérez Zurita.

Fonte:  Código Cero