Actualidade

« Atrás

As alternativas ao ecommerce

Data:  venres, 17 de xaneiro de 2020

É posible vender por internet o noso produto sen ter tenda online propia?

É a pregunta que moita xente que quere comercializar os seus produtos por internet faise, xa que non queren ou poden dedicarlle o tempo necesario a construír e manter o seu propio ecommerce.

A resposta a esta pregunta é si, si se pode, xa que actualmente dispoñemos de plataformas externas que nos ofrecen unha solución profesional de comercio electrónico. Son os Marketplace, webs de ecommerce que proporcionan espazo a outros vendedores para mostrar os seus produtos, o cal levado á contorna offline, sería como un centro comercial.

Ebay, Aliexpress ou Amazon son algúns dos Marketplace máis populares, pero hai moitos máis, tan só hai que buscar a opción que mellor se adapte ao noso produto e as nosas necesidades.

Algunhas das vantaxes máis destacables de vender a través dun Marketplace son:

- Aforro de custos, xa que se o comparamos co mantemento e creación dunha tenda online propia, os Marketplace proporciónannos toda a infraestrutura de ecommerce necesaria por unha cota e/ou comisión que, se non temos un volume de vendas moi elevado, é alcanzable.

- Xestión de pagos, debido a que son eles os intermediarios, co que nos aforrariamos custos bancarios e problemas coas pasarelas de pago.

- Posicionamento, son eles os que se encargan de que a súa plataforma estea ben posicionada.

- Sinerxias con produtos doutros vendedores que incentiven a venda de ambos.

- Loxística, servizo que moitos ofrecen e que supón un aforro de custos e unha comodidade e seguridade engadida.

Pero non todo é perfecto, non podemos perder de vista que vender nun Marketplace tamén ten os seus inconvenientes como son:

- Máis competencia e a un clic de distancia, xa que estamos na mesma web.

- Non temos liberdade de mostrar os produtos como queiramos, teremos que cumprir as súas normas se queremos vender con eles.

- É moi difícil crear marca, xa que a súa marca sempre estará por encima da nosa.

Con todo isto, debemos poñer nunha balanza os pros e contras e estudar ben as características de cada unha das plataformas das que dispoñemos para valorar se é conveniente ou non, vender a través do competitivo mundo dos Marketplace.

E, que tipo de persoas emprendedoras ou empresas poden vender nestas plataformas? Se aínda estás a empezar a emprender e queres probar a vender os teus produtos ou servizos online sen lanzarche aínda a crear o teu propio ecommerce; se, polo contrario, xa contas cun ecommerce pero queres chegar a outro tipo de público cos teus produtos ou, se queres comercializar un produto ou servizo pero non contas co volume suficiente como para investir nunha páxina web… Existen distintas razóns polas que lanzarse a vender nos Marketplace, simplemente é #cuestión de atopar o teu lugar!

María Aller

Asesora TIC SmartPeme

Fonte:  SmartPeme