Actualidade

« Atrás

A revolución do lecer en Streaming, situación actual e novos cambios para as persoas consumidoras

Data:  venres, 20 de maio de 2022

 
No ano 2020 coa pandemia e o confinamento domiciliario ao redor de todo o mundo, irremediablemente o tipo de lecer cambiou. Coa obrigación dos gobernos de quedarnos nas nosas casas, empezamos a consumir máis televisión e lecer en streaming en plataformas como Netflix, HBO Max, Amazon Prime Vídeo… 
 
Netflix foi a empresa do sector que máis persoas subscritoras gañou coa pandemia. O récord de novas altas da compañía foi durante o primeiro trimestre de 2020, coincidindo cos períodos de maiores restricións sanitarias e sociais. Conseguiron captar 15,8 millóns de novas persoas usuarias e incrementáronse un 31%, respecto ao ano anterior, os servizos contratados, o que supuxo un total de 37 millóns de persoas usuarias.
 
Tras alcanzar o seu pico máximo de persoas subscritoras, as cifras comezaron a caer paulatinamente. O primeiro trimestre de 2022 mostrou unha perda de 200.000 persoas usuarias, estimando que durante o segundo trimestre 2 millóns máis se dean de baixa. Esta caída de clientela tan rápida non se esperaba, polo que Netflix empezou a perder valor de cotización bolsista.
 
O uso compartido entre persoas usuarias dunha mesma conta ou a aparición de novas empresas competidoras, como Disney ou Apple, no mercado, foron algúns dos motivos da precipitada caída das cifras. As persoas expertas indican que o mercado está a cambiar, a clientela consome xa varias plataformas, o que supón un desembolso mensual considerable, ademais, existe fatiga acumulada polo tipo de contido e a inflación está disparada.
 
A esta situación de perda de persoas subscritoras non só enfróntase Netflix, senón tamén toda a súa competencia. CNN+, plataforma de pago de CNN, só durou un mes desde a súa fundación, ou Quibi que se fundou e cancelouse no mesmo ano da súa creación. HBO Max tamén tivo que reinventarse e lanzou unha subscrición máis barata que inclúe publicidade e Disney+ tamén anunciou esta nova opción para finais de ano, algo que  Netflix xa se está expondo, segundo recoñeceu Reed Hasting, director executivo da compañía. 
 
Por tanto, a baixada dos prezos a cambio de introducir publicidade durante a emisión do contido é a gran aposta das empresas de lecer en streaming para satisfacer as necesidades das persoas usuarias e con iso, facer fronte á perda de subscricións. 
 
Estas modificacións van resultar tremendamente interesantes para as marcas, xa que poderán crear anuncios perfectamente segmentados baseándose nas preferencias do tipo de contido consumido e a información do perfil da persoa usuaria. Algo que podemos traducir en anuncios moito máis efectivos e por tanto, máis rendibles para as marcas.
 
Agora que sabemos como está a evolucionar o lecer en streaming, manterás a túa conta como ata o de agora ou prefires aforrarche un diñeiro ao mes a cambio de anuncios mentres ves unha película? Dentro de moi pouco poderás decidir, estará na túa man.
 
 
Laura Carrera
Asesora TIC
 

Fonte:  SmartPeme