Actualidade

« Atrás

A imaxe máis aló da web

Data:  luns, 24 de abril de 2017

Actualmente é moi común e trivial atoparnos con campañas publicitarias moi elaboradas e con orzamentos millonarios polo noso timeline nas redes sociais, no noso xornal online ou na propia páxina web do anunciante.

É un concepto ao que estamos habituados e parécenos totalmente normal; "son multinacionais, é lóxico que gasten millóns en publicidade".

Agora ben; cando nós, un irmán, sobriño ou un coñecido ten un negocio con presenza na rede, tamén é moi habitual que a súa dedicación en coidar a imaxe para a súa web sexa moito menor da que dedica a calquera outro proceso da empresa. O resultado é un produto ou servizo fabuloso onde a súa presentación ao mundo vese diminuída ou pouco elaborada.

O erro pode vir da idea de que se necesita moito tempo e diñeiro para solucionalo, cando o certo é que na gran maioría dos casos é só cuestión de facer as cousas con "agarimo" e estética.

Consellos sinxelos para coidar a nosa imaxe na rede

Elixir unha cor de fondo (background) liso e de tons claros axuda a visualizar mellor as imaxes e textos. Un fondo con figuras repetitivas ou fotografías complica moito a lectura e xera caos.  Unha  multinacional que usa fotografías como fondo, ten un equipo de expertos e de dirección artística detrás. A non ser que sexas un profesional da imaxe, a miña opinión é "menos é máis".

Elixir un estilo e cor de fonte sinxelo, pode resultar un cambio importante. A función dos textos é informar, non xerar tensións. Non é aconsellable ter máis de tres estilos diferentes para os textos.

Á hora de seleccionar unha fotografía como imaxe principal para a nosa tenda online é importante que o lector poida entender dunha soa ollada o que vendemos e a filosofía do noso negocio. É a imaxe que nos presenta, polo que debe ter todos os valores engadidos do que facemos.

Se vendemos zapatillas de deporte, o ideal é poñer unha imaxe que plasme as emocións que se poden sentir con elas. Unha persoa correndo, unha familia facendo sendeirismo ou un neno xutando unha pelota achegan moito máis que unha imaxe da mesma zapatilla sobre un fondo branco.

Este apartado vai moi unido coa comunicación en redes sociais. Estas deben mostrar a parte máis humana e emocional da túa empresa do mesmo xeito que esa imaxe de portada. É un erro moi común poñer imaxes de produtos sobre un fondo branco nunha rede social. Ese non é o seu lugar.

O interesante sobre as imaxes con valores emocionais é que non teñen por que ser perfectas respecto de técnica. Son imaxes que podemos sacar co móbil ou cunha cámara sinxela xunto aos nosos amigos ou familiares. Un sorriso sempre prevalecerá sobre unha imaxe perfecta tecnicamente pero baleira.

Un último consello é que aprendamos o máximo posible das empresas de éxito e da súa tendencia cada vez maior a dar importancia á imaxe. Podemos ver exemplos sobre as súas estratexias e bo facer a través de moitos medios. Usemos esta posibilidade para aprender e mellorar a nosa imaxe.

Efrén Rodríguez, asesor de imaxe na SmartPeme

Fonte:  SmartPeme