Actualidade

« Atrás

A Deputación de Pontevedra participa na formación dos futuros directores das pemes na Universidade de Vigo

Data:  martes, 28 de outubro de 2014

Continuando coa difusión do uso das TIC e das Novas Tecnoloxías por parte das empresas e autónomos da provincia de Pontevedra, co obxectivo de mellorar a produtividade e a competitividade do tecido empresarial, responsables do Servizo de Novas Tecnoloxías da institución provincial participaron nunha clase do Máster en Dirección de Pemes na Escola Universitaria de Estudios Empresariais

O pasado mércores pola tarde os responsables do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, liderados por Amancio Varela, impartiron unha xornada formativa invitados pola Universidade de Vigo dentro do programa do Máster en Dirección de Pemes. Esta sesión enmárcase dentro da materia de Recursos e Fontes de Información para Pemes, que imparte a profesora titular da universidade, M.ª Ángeles Sandoval.

Nesta sesión de tres horas de duración os alumnos puideron coñecer de primeira man as diferentes iniciativas da Deputación de Pontevedra para unha modernización das empresas da provincia, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e produtividade a través de diferentes proxectos dos que foron informados. Así tamén puideron coñecer experiencias e casos de éxito de pequenas empresas, autónomos e emprendedores que fixeron da tecnoloxía un dos seus mellores aliados para tratar de medrar e alcanzar os seus obxectivos.

A xornada comezou coa exposición inicial de Amancio Varela, xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da institución provincial, que explicou a estratexia de situar a provincia de Pontevedra na primeira liña da sociedade da información e do coñecemento, expoñendo tamén as principais iniciativas que se están levando a cabo desde a Deputación e as concretas do eido empresarial. Proxectos como "Life+ Viñas Atlánticas", que demostra a necesidade e a viabilidade da produción de viño sustentable nos viñedos da D. O. Rías Baixas, minimizando o uso de produtos químicos en beneficio das adegas pontevedresas. "Smart Destinations. A orixe do teu destino", que pretende facer da provincia de Pontevedra o primeiro destino turístico intelixente de España, intentando fidelizar o actual turista e captando outros novos a través da prestación de máis e mellores servizos.

A continuación veu a presentación do proxecto de posta en marcha dun Centro de  Comercio Virtual, unha nova canle de venda en liña de produtos típicos (embutidos, queixos, conservas ou viños, entre outros) e servizos (hoteis, rutas e actividades turísticas, etc.) destinado ás micropemes e ós autónomos da provincia de Pontevedra, que porá en marcha a Deputación antes da campaña de Nadal. Para explicar todos os detalles sobre esta iniciativa contouse tamén con Carlos González, xefe de proxecto de PwC, empresa externa adxudicataria. Tamén se deron todos os detalles sobre o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0), que conta con seis puntos de atención en Cambados, Lalín, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo nos que asesores especializados con visión de 360º prestan un servizo de asesoramento no relativo á adopción das TIC e as novas tecnoloxías. Neste caso todos os servizos foron expostos por José Antonio Piñeiro, xefe de proxecto no Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, e Salvatore Natale, responsable da consultora PwC.

Finalmente, Alberto Falcón, asesor TIC do CPAE 2.0 de Pontevedra, describiu a metodoloxía que se utiliza para desenvolver o traballo de análise e diagnóstico, marcando obxectivos, un plan de mellora, unha folla de ruta e un seguimento. Ademais, describiu tres casos de éxito de pequenas empresas e autónomos que están levando a cabo os seus proxectos empresariais coa axuda da Deputación e por suposto das TIC. Ademais enunciou un caso práctico dunha empresa real que os alumnos do Máster en  Dirección de Pemes tiveron que resolver ó final do relatorio.

Estes alumnos poderán utilizar, nun futuro próximo, dunha forma práctica e activa todos estes recursos que a institución provincial pon nas súas mans, naquelas empresas que dirixan coa relevancia que isto ten. Xa que como mencionaba Amancio Varela, "estamos seguros que o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) e o Centro de Comercio Virtual redundan en beneficio das pequenas empresas e profesionais autónomos" e con todo isto crear riqueza e emprego na provincia.

Fonte:  Deputación de Pontevedra