Actualidade

« Atrás

A Deputación asesora os aparelladores e enxeñeiros de edificación sobre solucións tecnolóxicas adaptadas ó seu sector

Data:  mércores, 08 de outubro de 2014

A Deputación ofreceralles asesoramento ós aparelladores e enxeñeiros de edificación da provincia de Pontevedra sobre ferramentas informáticas e solucións tecnolóxicas adaptadas á súa actividade profesional.

Farao nunha sesión informativa que terá lugar esta tarde, ás 17:00 horas, na sede do Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Pontevedra, en Vigo, e na que técnicos do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías (CPAE 2.0) analizarán, con estes profesionais, os principais problemas que teñen que afrontar no día a día da súa actividade para tratar de buscar solucións tecnolóxicas adaptadas.

Á reunión están convidados máis de 700 aparelladores e enxeñeiros de edificación. Agárdase unha notable afluencia de profesionais, que terán a ocasión de coñecer os servizos dos CPAE e, sobre todo, recibirán nocións e consellos útiles para facer máis eficaz e sinxelo o seu traballo por medio das novas tecnoloxías. Nestas sesións trataranse diversos temas coma o tipo de solucións orientadas á promoción e reputación profesional, a preservación da propiedade industrial e da seguridade dos datos ou a completa accesibilidade á inxente documentación xerada no exercicio profesional.

Asesoramento individualizado

O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 proporciónalles servizo ás máis de 64.000 empresas con cinco ou menos empregados, autónomos e profesionais da provincia de Pontevedra (que representan máis do 92 % do tecido empresarial da provincia) para axudalos a aumentar a súa competitividade e produtividade.

Así mesmo, está a traballar con numerosos profesionais para orientalos na utilización de tecnoloxías adaptadas ó seu sector e a cada problemática en concreto. Desempeña este labor a través de relatorios, coma o que mañá lles ofrecerá en Vigo ós aparelladores, arquitectos técnicos e enxeñeiros de edificación, e por medio de xornadas formativas e de capacitación tecnolóxica e asesoramento individualizado impartidas nos seis centros que ten abertos ó público na provincia (Cambados, Lalín, Pontevedra, Vigo, O Porriño e Ponteareas).

Nestes centros ofrécese asesoramento sobre o uso das TIC, titorización na incorporación das novas tecnoloxías, capacitación tecnolóxica, demostración de produtos e solucións TIC, acompañamento para o uso do comercio electrónico e procura de axudas.

Na actualidade 273 empresas e autónomos están a recibir apoio e asesoramento para incorporar as novas tecnoloxías nos seus negocios. Ademais, estes centros resolveron 292 consultas puntuais de distintas temáticas, coma a presenza das empresas na rede internet, o uso das redes sociais, as ferramentas de xestión empresarial, o comercio electrónico ou o uso dos certificados dixitais.

Para accederen a estes servizos os empresarios e autónomos poden solicitar cita previa en www.cpae20.depo.es, no teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.cpae20@depo.es ou persoalmente nas diferentes oficinas

Fonte:  Diputación de Pontevedra