Actualidade

« Atrás

A Deputación abrélles a porta do comercio virtual ós autónomos e ás pemes da provincia na plataforma de comercio en liña

Data:  xoves, 06 de novembro de 2014

Os máis de 64.000 autónomos e microempresas da provincia de Pontevedra teñen agora a ocasión de entrar de cheo no comercio en liña por medio da plataforma de comercio en liña, un servizo impulsado pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de promover a modernización do tecido produtivo da provincia, especialmente o dos autónomos e as microempresas.

A finalidade é crear un Centro Provincial de Comercio Virtual que permita comercializar en liña, baixo unha plataforma única, os produtos propios da provincia de Pontevedra, con especial atención a sectores estratéxicos coma alimentación, restauración, turismo, lecer, hostalería e cultura.

A plataforma incluirá un apartado específico dedicado á comarca de Deza, no que terán presenza as empresas agroalimentarias, de hostalería e de restauración desta comarca.

As empresas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán adherirse ó servizo desde hoxe mesmo e en calquera momento. Para sumarse a esta plataforma será preciso ter o domicilio social e realizar a actividade principal na provincia de Pontevedra, e ter a condición de microempresa (con 5 ou menos traballadores ou un balance xeral anual inferior ós 2 millóns de euros), que representa o 92% do tecido empresarial da provincia.

A maiores, poderán adherirse as denominadas "empresas tractoras", que son unha referencia a nivel de produto e calidade e que, coa súa presenza na plataforma, poden atraer máis empresas e clientes ó Centro de Comercio Virtual. Estas empresas deberán ter, así mesmo, domicilio social e actividade na provincia.

Finalmente, as empresas que se sumen ó apartado específico de Deza poderán facelo independentemente do seu volume de negocio e número de traballadores.

Operador loxístico e bancario

Para acadar o perfecto funcionamento desta plataforma o Centro de Comercio Virtual terá que contar cun servizo loxístico e cun operador financeiro, que permitan, por unha banda, un bo funcionamento dos servizos de recollida e subministración dos produtos adquiridos en liña e, pola outra, un terminal de Punto de Venda Virtual que facilite e dea maiores garantías de seguridade ó pagamento telemático.

Con esta finalidade a Administración provincial publicou as bases que regularán a selección deste operador loxístico e da entidade financeira que servirá de plataforma para o pagamento telemático.

As entidades financeiras teñen de prazo ata o 14 de novembro para presentaren as súas ofertas, mentres que no caso das empresas loxísticas o prazo para a presentación de propostas remata o día 18.

Asesoramento e apoio

As empresas que decidan adherirse ó Centro de Comercio Virtual non só contarán co apoio da Deputación á hora de integrarse na plataforma senón que disporán dun servizo de monitorización para que poidan facer un uso correcto da plataforma, e achegaráselle asesoramento para a mellor comercialización dos seus produtos.

Ademais, a través das diferentes oficinas do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías (CPAE 2.0), estanse a desenvolver sesións informativas para asesorar a autónomos e microempresas sobre o funcionamento e as vantaxes do Centro de Comercio Virtual.

En novembro desenvolveranse 22 xornadas nos CPAE de Pontevedra, Lalín, Cambados, Vigo, Ponteareas e O Porriño. Nelas os asistentes poderán coñecer o Centro de Comercio Virtual da provincia de Pontevedra, os requisitos para participar nel, os obxectivos da iniciativa e os produtos e servizos que se poderán comercializar, así como o funcionamento da plataforma e os beneficios de adhesión.

Na xornada de hoxe desenvolveranse dúas actividades en Ponteareas e O Porriño; mañá terán lugar en Vigo (13:00 h) e en Pontevedra (17:00 h); e o día 6, xoves, en Cambados (13:00 h) e Lalín (19:00 h).

A vindeira semana haberá outras 5 sesións. O día 11 en Ponteareas (13:00 h) e O Porriño (19:00 h); o 12 en Vigo (13:00 h); e o 13 en Cambados (13:00 h) e Lalín (19:00 h).

Fonte:  Diputación de Pontevedra