Actualidade

« Atrás

Instagram para empresas, todo o que necesitas saber para promocionar o teu negocio

Data:  mércores, 08 de agosto de 2018

Nos últimos tempos, Instagram está a converterse na rede social por excelencia, tanto para as empresas como para o público en xeral, grazas a tódalas funcionalidades e opcións que está a engadir. 
 
Que ten un gran éxito, é algo indubidable. Na actualidade, conta con máis de 1.000 millóns de usuarios activos en todo o mundo. Desde o seu lanzamento, esta plataforma non deixou de crecer. 
 
Por todo iso, contar cun perfil activo nesta rede social é algo xa obrigatorio para calquera marca que queira atraer clientes ás súas páxinas ou tendas e facer branding. A compañía, adquirida por Facebook no ano 2012, coñecedora diso, engadiu múltiples opcións para que todas as empresas e marcas sexan capaces de sacarlle o máximo partido á plataforma.
 
Creouse unha ampla sección de analíticas para as empresas onde, en cada contido que se sobe, atopamos tres métricas: impresións (nº de veces que o contido foi visualizado), alcance (número de usuarios únicos que viron o post) e engagement (número de interaccións que obtivo a publicación, xa sexan un gústame, un comentario ou que se gardou). Toda esa información, as empresas poderán utilizala á hora de crear as súas estratexias e, con elas, lograr seguir crecendo no mercado dixital. 
 
No ano 2015, introduciuse a posibilidade de incorporar contidos patrocinados na plataforma. Principalmente, por tres grandes motivos: o poder de atracción que xeran as imaxes, o baixo custo que supón e a integración e naturalidade dos anuncios co resto de publicacións. O emprego desta publicidade permítelles ás empresas contar cun alto grao de segmentación, polo que se poden publicar anuncios dirixíndose exclusivamente a un público obxectivo dos que se obterán mellores resultados.  
 
Tamén, non fai moito,  Instagram lanzou unha nova función: Instagram Stories. A través desta función, a plataforma permite compartir fotos ou vídeos efémeros que, ás 24 horas de ser publicados, desaparecen. Debido ao éxito acadado, a compañía decidiu ofrecer a posibilidade aos usuarios, e con iso ás marcas, de fixar nos seus perfís os stories subidos, podendo almacenalos e ordenalos por carpetas e, permitindo que os seus seguidores poidan velos as veces que queiran, sen preocuparse porque desaparezan. 
 
Por último, algo relativamente novo, é a posibilidade de que calquera perfil poida animar aos seus seguidores para realizarlle preguntas mediante un sticker que está dispoñible en stories. Con iso, o que se busca é establecer unha comunicación directa cos seguidores, achegando a marca co público, facéndolle saber que lles interesan as súas opinións. 
 
A través de todas estas funcionalidades que nos ofrece a aplicación, Instagram quere axudar ás empresas para promocionarse á vez que lles permite o contacto directo cos seus seguidores e clientes, obtendo de todo iso un feedback que poden empregar para establecer os seus próximos pasos.

Fonte:  SmartPeme