Actualidade

« Atrás

Instagram lanza unha nova app de mensaxería entre amigos, Instagram Threads

Data:  venres, 10 de xaneiro de 2020

No pasado mes de outubro, Instagram viña a presentar unha nova app de mensaxería deseñada para ser utilizada entre os amigos máis achegados, creando un espazo máis privado e persoal. Esta app permite compartir texto, imaxes e vídeos cunha lista de amigos favoritos ademais de poder compartir de forma constante a ubicación, estado ou outros datos máis persoais. Esta lista privada de amizades é aquela que se configura dende o perfil persoal de Instagram no apartado de "Mellores Amigos".

Para poder utilizar esta nova app de Instagram é necesario ter unha conta ou un perfil e non é válido ter unha conta en Facebook.

Entre as características máis notables que podemos atopar é que tamén existe a posibilidade de actualizar estados, é o que se coñece como "Auto Status". Pódese informar ao noso círculo de amistades qué se está facendo de forma automática. Así, a través desta app, podemos informar aos nosos amigos se estamos noutra cidade, na praia, de festa, se temos pouca batería ou se estamos no traballo, pero sen revelar as nosas coordenadas exactas. Con Threads esta ubicación non é o fin último, senon é un medio para que os nosos contactos teñan coñecemento se estamos dispoñibles ou non.

Podes personalizar a cámara principal. Aquí, necesitarás de oito persoas amigas para poder crear accesos directos. Podes ordenalos segundo a túa preferencia e cambialos as veces que queiras. Compartir imaxes é ben sinxelo, podes capturar imaxes e compartilas co teu círculo privado ou a unha persoa en particular. Tamén se pode configurar a opción de visualizar o vídeo ou foto, dende unha soa vez ata repetidas veces.

Threads representa o último esforzo de Instagram para crear un produto de mensaxería complementario sobre Instagram Direct e para mitigar o impulso de Snapchat, que segue a ser o máis popular entre os adolescentes. 

 
En que me pode axudar esta app para o meu negocio?
 

Sen dúbida, Instagram acaba de por grandes esforzos en lanzar esta app que reforza o vínculo persoal e íntimo das persoas usuarias. Aínda así, esta app para negocios e marcas pode ser unha ferramenta máis de fidelización de clientes e de reputación corporativa.

Dende a túa páxina de marca de Instagram poderás seleccionar os fans máis relevantes para poder crear unha lista de "mellores amigos". Esta lista VIP servirache para poder comunicarte e interactuar con eles a través de Threads.

Esta ferramenta axudará a crear un servicio VIP de atención ao cliente. Canto maior sexa o compoñente emocional, maior será o vínculo, que se traducirá nunha maior fidelización e nunha relación estable no tempo.

Poderás ter informados aos teus clientes en todo momento, ata crear os teus propios estados, que por exemplo podemos citar algúns:

  • recibindo novos produtos 
  • comezan as rebaixas 
  • envíos gratuitos só por hoxe
  • con novas ideas
  • estamos de shooting
  • de fin de semana

Para poder facer uso desta app, podes descargala porque xa está dispoñible en iOS e Android.

Fátima Faílde

Asesora TIC SmartPeme

 
 

 

Fonte:  SmartPeme