Actualidade

« Atrás

III CONVOCATORIA PROGRAMA DE ACELERACIÓN DE EMPRESAS DO SECTOR TURÍSTICO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Data:  xoves, 10 de setembro de 2020

Antecedentes 
 
En xuño do ano 2016 a Deputación de Pontevedra puxo en funcionamento a rede Smartpeme, co fin de establecer un servizo de asesoramento ás persoas emprendedoras, autónomas e PEMES da provincia de Pontevedra no uso de ferramentas de corte tecnolóxico.
 
Conscientes da importancia que ten o sector turístico e das características diferenciais que fan da nosa provincia un destino único, a Deputación de Pontevedra está a desenvolver diferentes accións de apoio orientadas a mellorar a competitividade e eficiencia do sector turístico, entre as que cabe destacar o programa TurisTIC lanzado no ano 2018 dentro de Smartpeme.
 
O programa ten como principal obxectivo servir de apoio e guía para a mellora das empresas do sector turístico, ou doutros sectores vinculados, mediante a incorporación de novas tecnoloxías vinculadas ás actividades clave de cada negocio. 
 
Para iso, desenvólvense distintas actividades de capacitación tecnolóxica nas sete oficinas da rede Smartpeme e préstase asesoramento personalizado á demanda, ademáis doutras actividades, como este programa de aceleración de empresas do sector. 
 
Na primeira e segunda convocatoria do Programa de aceleración prestouse apoio a 10 empresas, seleccionadas entre máis de cincuenta candidaturas. Os bos resultados obtidos levaron á Deputación a fomentar a continuidade do programa con esta terceira edición. 
 
A quen vai dirixido? 
 
A aceleradora de empresas está dirixida a pemes, persoas emprendedoras, empresarias, e autónomas da provincia de Pontevedra que cumpran os seguintes requisitos: 
 
  • Persoas cun proxecto empresarial ligado ao sector turístico ou cunha actividade vinculada ao mesmo en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de desenvolvemento. 
  • Preparación técnica para desenvolver o proxecto de aceleración e unha gran motivación e compromiso co programa. 
  • Interese real en mellorar as súas capacidades e habilidades para acelerar o seu proxecto empresarial. 
  • Ter dispoñibilidade e compatibilidade para seguir as accións formativas. 
 
Actividades 
 
O programa de aceleración seguirá as seguintes fases e actividades: 
 
 
Proceso de selección de participantes e criterios de avaliación
 
Finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o equipo técnico de Smartpeme especializado no sector turístico, realizará unha preselección de proxectos cun informe preliminar de cada unha das candidaturas recibidas en base á documentación presentada polas persoas interesadas e para cada un dos seguintes criterios de valoración:
 
1. Grao de innovación: As persoas solicitantes deben proporcionar información sobre o grao de innovación e o carácter tecnolóxico da súa empresa / proxecto ligado ao sector turístico en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de crecemento, así como da competencia existente no mercado. 
 
2. Memoria do proxecto: As empresas deberán facilitar unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se explique detalladamente o proxecto e os obxectivos que pretende alcanzar mediante a súa participación na aceleradora, sinalando o nivel de crecemento e/ou a rendibilidade que esperan obter. O seu contido poderá variar en función do que cada candidato queira plasmar, pero tendo a obrigatoriedade de incluír: 
 
  • Obxectivo do proxecto
  • Misión, visión e valores
  • Actividade realizada/ a realizar
  • Descrición do produto/servizo
  • Que pretende alcanzar coa súa participación na aceleradora
 
3. Perfil das persoas participantes: Presentación do equipo participante e da persoa delegada para a asistencia ao programa da aceleradora. Valorarase tanto a preparación técnica como a experiencia e a implicación para desenvolver o proxecto de aceleración. 
 
A persoa delegada para a asistencia ao programa da aceleradora deberá presentar unha declaración de dispoñibilidade, non vinculante, para a asistencia ás accións formativas. A ausencia desta declaración supoñerá causa de exclusión da candidatura. 
 
Do mesmo xeito, a persoa responsable do proxecto ou outra persoa designada pola responsable (persoal empregado, responsable de área, etc.) deberán acudir, como mínimo, a un 75% da formación e asesoramentos expostos. Esta falta de asistencia maior ao 25% poderá incorrer na exclusión do programa de aceleración.
 
Os proxectos preseleccionados en base aos anteriores criterios serán convocados de forma electrónica para a realización dunha pequena entrevista presencial / telemática co fin de coñecer e avaliar en detalle o seu potencial de negocio, implicación e necesidades para abordalo.
 
Estas entrevistas serán realizadas por membros do equipo técnico de Smartpeme e do Comité de Selección.
 
Unha vez realizadas as entrevistas e realizado o informe final, reunirase o Comité de Avaliación para a selección dun máximo de 5 proxectos participantes no programa. 
 
O equipo técnico poderá requirir ás persoas solicitantes, en calquera momento, información adicional relacionada coa súa candidatura. Se as persoas candidatas non atendesen os requisitos de información no prazo de 5 días, entenderase que desisten da súa solicitude. 
 
Cada un dos criterios valorarase de 1 a 5, sendo 1 o mínimo e 5 o máximo. Ditas valoracións serán obxecto de discusión por parte do Comité de Avaliación. 
 
En caso de empate entre candidaturas, a data de presentación de candidaturas será utilizada para desempatar, dando prioridade á/ s candidatura/ s recibidas en primeiro lugar. 
 
O Comité de Avaliación é o responsable da interpretación das presentes bases e da resolución de calquera discrepancia respecto a as mesmas ou ao proceso de selección. 
 
Calquera aclaración respecto ás bases ou discrepancia debe ser remitida mediante correo electrónico á dirección info.smartpeme@depo.es. 
 
O Comité de Avaliación está integrado por: 
 
  • Titular: responsable do proxecto Smartpeme por parte da área de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra. 
  • Suplente: Persoa integrante do equipo de coordinación de Smartpeme.
  • Titular: Persoal asesor TurisTIC do proxecto Smartpeme.
  • Suplente: Persoal asesor TurisTIC do proxecto Smartpeme.
 
Como resultado das avaliacións realizadas, o Comité de Avaliación elaborará unha lista priorizada de proxectos/empresas seleccionados e unha lista de proxectos suplentes. A selección ou exclusión da candidatura será notificada de modo individual a cada persoa candidata e publicada na páxina web de Smartpeme.
 
As puntuacións outorgadas resultan definitivas, confidenciais e inapelables.
 
Prazo de presentación 
 
O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 15 de outubro ás 19.00 horas, non considerándose ningunha candidatura presentada fóra de prazo. 
 
A solicitude unicamente pódese tramitar en liña ata a data sinalada, estando durante este período dispoñible o formulario de solicitude na páxina web de Smartpeme https://smartpeme.depo.gal/
 
Período lectivo 
 
As actividades do Programa de Aceleración executaranse entre o 2 de novembro e o 12 de febreiro.
 
O número de sesións de mentorización e a frecuencia e temáticas destas axustarase ás necesidades de cada empresa e persoa mentora. 
 
Inscrición e documentación necesaria 
 
A aceleradora de empresas do sector turístico, na súa terceira edición, acollerá un máximo de 5 empresas que serán seleccionadas en base ao proceso de avaliación descrito anteriormente.
 
 
Para máis información non dubides en contactar connosco: 
 
Smartpeme Pontevedra 
Edif. Admin. Deputación de Pontevedra 
Av. Montero Ríos s/n 
36071 - Pontevedra 
Email: info.smartpeme@depo.es  
Teléfono: 886 202 020 
 
Toda a información proporcionada para a valoración de candidaturas será tratada de modo estritamente confidencial e utilizado exclusivamente para os propósitos para os que foi solicitada. 
 
Normas xerais 
 
  • Para a presentación de candidaturas é obrigatoria a utilización do formulario. 
  • Poderá presentar a súa solicitude toda persoa maior de idade que desenvolva o seu proxecto empresarial na provincia de Pontevedra.  
  • Se o proxecto xa está constituído como entidade xurídica, esta debe ter o seu domicilio social e principal centro de actividade na provincia de Pontevedra. 
  • No caso de que o proxecto non estea aínda constituído como entidade xurídica, o equipo promotor debe residir na provincia de Pontevedra. 
  • As dez empresas seleccionadas para as dúas anteriores convocatorias do programa de aceleración do sector turístico non poderán optar a participar nesta terceira edición, aínda que desexen inscribirse con outro proxecto diferente ao dos anteriores programas. 
  • As persoas solicitantes serán responsables de que os datos proporcionados sexan correctos, veraces e completos.  
  • A Deputación de Pontevedra poderá denegar o acceso á convocatoria se devanditos datos resultan ser falsos ou inexactos. 
  • O medio de comunicación preferente durante o proceso de selección será o correo electrónico.  
  • Todas as persoas solicitantes presentan as súas candidaturas baixo a súa única e exclusiva responsabilidade, garantindo que o contido das mesmas non infrinxe ningún tipo de dereitos, en particular os de propiedade intelectual de terceiros.  
  • Neste sentido, a Deputación e colaboradores, exímense de toda responsabilidade derivada de reclamacións de terceiras partes.
 

Fonte:  SmartPeme