Actualidade

« Atrás

II Programa de Emprendemento de SmartPeme no Viveiro de Empresas de Barro

Data:  luns, 06 de marzo de 2023

 
Conscientes da importancia do emprendemento na dinamización da economía, do potencial crecemento da nosa provincia e da necesidade real de formación e apoio, a Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, puxo en marcha unha serie de iniciativas que servirán de impulso e fomento do emprendemento dentro da provincia de Pontevedra. En liña con estas iniciativas e tras o éxito da I edición, vaise levar a cabo a II edición do Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Barro.
Esta edición terá como obxectivo dar apoio ás persoas emprendedoras na creación de proxectos de emprendemento e nas súas fases máis temperás. 
 
A quen vai dirixido? 
 
O Programa de Emprendemento está dirixido ás persoas emprendedoras da provincia de Pontevedra que cumpran os seguintes requisitos: 
 
  • Persoas que non chegaron a iniciar o seu proxecto ou aquelas que se atopan nunha fase inicial do mesmo, tendo neste o domicilio social e principal na provincia de Pontevedra, ou en caso de non estar constituído, a persoa responsable sexa residente na provincia de Pontevedra. 
  • Preparación técnica para desenvolver o proxecto de posta en marcha e consolidación e unha gran motivación e compromiso co Programa. 
  • Interese real en mellorar as súas capacidades e habilidades para crear e consolidar o seu proxecto empresarial. 
  • Ter dispoñibilidade e compatibilidade para asistir ás actividades. 
 
Actividades 
 
A iniciativa contará cun itinerario de formación que incluirá, por unha banda, sesións de formación grupais, dinámicas e innovadoras, que permitan potenciar ao máximo os proxectos e ao mesmo tempo, favorecer a colaboración e a creación de sinerxias coas outras persoas participantes. E, doutra banda, sesións de asesoramento personalizado e individualizado, co equipo asesor de SmartPeme, que lles axudará con temas específicos vinculados á competitividade, o emprendemento, a identidade corporativa ou as TIC, entre outros aspectos. 
 
Unha parte das distintas sesións formativas impartirase de forma presencial e outra parte en liña, en función das necesidades das persoas participantes, aínda que se priorizarán os asesoramentos e actividades presenciais. Ademais, aquelas accións formativas presenciais realizaranse no Viveiro de Empresas de Barro, lugar no que se atopa o Centro Provincial de Economía Dixital de SmartPeme, o que posibilita colaborar no fomento do emprendemento rural, fundamental para favorecer a creación dunha economía social e sostible. 
 
O número de horas de formación e asesoramento será de 60 horas repartidas nos meses de duración do Programa.
 
 A iniciativa seguirá, por tanto, as seguintes fases e actividades: 
 
 
 
 
Proceso de selección de persoas participantes e criterios de avaliación
 
Finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o equipo técnico de SmartPeme, realizará unha preselección de proxectos cun informe preliminar de cada unha das candidaturas recibidas en base á documentación presentada polas persoas interesadas e para cada un dos seguintes criterios de valoración: 
 
1. Memoria do proxecto: As empresas deberán facilitar unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se explique detalladamente o proxecto e os obxectivos que pretende alcanzar mediante a súa participación no Programa. O seu contido poderá variar en función do que cada persoa candidata queira plasmar, pero tendo a obrigatoriedade de incluír:
 
  • Obxectivo do proxecto 
  • Misión, visión e valores 
  • Actividade a realizar 
  • Descrición do produto/servizo 
  • Que pretende alcanzar coa súa participación no Programa de Emprendemento
 
2. Perfil das persoas participantes: Presentación do equipo participante e da persoa delegada para a asistencia ao Programa. Valorarase tanto a preparación técnica como a experiencia e a implicación para desenvolver o proxecto. 
 
A persoa delegada para a asistencia ao Programa deberá presentar unha declaración de dispoñibilidade, para a asistencia ás actividades e asesoramentos do programa. A ausencia desta declaración supoñerá causa de exclusión da candidatura.
 
Do mesmo xeito, a persoa responsable do proxecto ou outra persoa designada pola responsable, deberán acudir, como mínimo, a un 75% da formación exposta. Esta falta de asistencia maior ao 25% incorrerá na exclusión do Programa. 
 
Os proxectos preseleccionados en base aos anteriores criterios serán convocados para a realización dunha pequena entrevista co fin de coñecer e avaliar en detalle o seu potencial de negocio, implicación e necesidades para abordalo.
 
Estas entrevistas serán realizadas por membros do equipo técnico de SmartPeme e do Comité de Avaliación. 
 
Unha vez realizadas as entrevistas e realizado o informe final, reunirase o Comité de Avaliación para a selección dun máximo de 8 proxectos participantes no Programa. 
 
O equipo técnico poderá requirir ás persoas solicitantes, en calquera momento, información adicional relacionada coa súa candidatura. Se as persoas candidatas non atendesen ós requisitos de información no prazo de 3 días hábiles, entenderase que desisten da súa solicitude. 
 
Cada un dos criterios valorarase de 1 a 5, sendo 1 o mínimo e 5 o máximo. Ditas valoracións serán obxecto de discusión por parte do Comité de Avaliación. 
 
En caso de empate entre candidaturas, a data de presentación dos proxectos será utilizada para desempatar, dando prioridade á/s candidatura/s recibidas en primeiro lugar. 
 
O Comité de Avaliación é o responsable da resolución de calquera discrepancia respecto a as mesmas ou ao proceso de selección. Polo que, calquera aclaración ou discrepancia debe ser remitida mediante correo electrónico á dirección info.smartpeme@depo.es 
 
O Comité de Avaliación está integrado por: 
 
  • Titular: responsable do proxecto SmartPeme por parte da área de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra. 
  • Suplente: Persoa integrante do equipo de coordinación de SmartPeme. 
  • Titular: Persoa integrante do equipo de coordinación SmartPeme. 
  • Suplente: Persoal asesor TIC do proxecto SmartPeme. 
  • Titular: Asesora de emprendemento do proxecto SmartPeme. 
  • Suplente: Persoal asesor TIC do proxecto SmartPeme. 
 
Como resultado das avaliacións realizadas, o Comité de Avaliación elaborará unha lista priorizada de proxectos seleccionados e unha lista de proxectos suplentes. A selección ou exclusión da candidatura será notificada de modo individual a cada persoa candidata e publicada na páxina web de SmartPeme. 
 
As puntuacións outorgadas resultan definitivas, confidenciais e inapelables. 
 
Toda a información proporcionada para a valoración de candidaturas será tratada de modo estritamente confidencial e utilizado exclusivamente para os propósitos para os que foi solicitada. 
 
Prazo de presentación
 
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo 17 de marzo ás 15 horas, non considerándose ningunha candidatura presentada fóra de prazo. 
 
Polo que, se estás interesado en participar, fai clic AQUÍ
 
Período lectivo
 
As actividades do Programa de Emprendemento executaranse entre o 21 de marzo e o 21 de xuño
 
Normas xerais 
 
  • Para a presentación de candidaturas é obrigatoria a utilización do formulario. 
  • Poderá presentar a súa solicitude toda persoa maior de idade da provincia de Pontevedra que queira poñer en marcha e consolidar o seu proxecto de emprendemento. 
  • Se o proxecto xa está constituído como entidade xurídica, esta debe ter o seu domicilio social e principal centro de actividade na provincia de Pontevedra. 
  • No caso de que o proxecto non estea aínda constituído como entidade xurídica, o equipo promotor debe residir na provincia de Pontevedra. 
  • As persoas solicitantes serán responsables de que os datos proporcionados sexan correctos, veraces e completos. 
  • A Deputación de Pontevedra poderá denegar o acceso á convocatoria se devanditos datos resultan ser falsos ou inexactos. 
  • O medio de comunicación preferente durante o proceso de selección será o correo electrónico. 
  • Todas as persoas solicitantes presentan as súas candidaturas baixo a súa única e exclusiva responsabilidade, garantindo que o contido das mesmas non infrinxe ningún tipo de dereitos, en particular os de propiedade intelectual de terceiros. 
  • Neste sentido, a Deputación e colaboradores, exímense de toda responsabilidade derivada de reclamacións de terceiras partes. 
 
Para calquera dúbida ou consulta poderá contactar co equipo do proxecto en:
 
SmartPeme Pontevedra 
 
Edif. Admin. Deputación de Pontevedra - Av. Montero Ríos s/n 36071 - Pontevedra 
 
Email: info.smartpeme@depo.es 
 
Teléfono: 886 202 020 
 
 

Fonte:  SmartPeme