Actualidade

I Salón de empresarias de Galicia

Data:  martes, 18 de outubro de 2016

O vindeiro xoves 20 de outubro celebrarase en Vigo a primeira edición do Salón de Empresarias de Galicia. O acto, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, de 8:30 a 19:30, será o primeiro salón destas características  en Galicia, e nace da man da directiva de Empresarias de Galicia.

A iniciativa pretende converterse nun punto de visibilidade e promoción da muller no ámbito profesional e social, por medio da creación dun foro de debate participativo aberto a todo o empresariado galego, ao tempo que fai fincapé na creación de redes de contactos entre as e os asistentes.

O evento contará con diversas mesas de debate, con temas como "Arriscando en Feminino", "Empresarias en Tecnoloxía" e "Muller e liderado empresarial", presentación de proxectos de emprendemento liderados por mulleres, relatorios, sesión de networking e outras actividades, tales como unha sesión sobre percuterapia.

Asemade, durante o mesmo farase entrega dos premios Empresarias Galicia. Tamén haberá zonas con stands onde diferentes empresas amosarán os seus produtos e servizos así como espazos solidarios onde se presentaran diferentes accións sociais.

A Deputación de Pontevedra estará presente, dando a coñecer os seus proxectos e servizos relacionados co emprendemento, como o propio proxecto SmartPeme.

As persoas interesadas poden atopar máis información sobre o seu programa nesta ligazón ou adquirir directamente as entradas nesta outra ligazón.

Fonte:  SmartPeme