Actualidade

« Atrás

Falamos de Microchips

Data:  xoves, 09 de setembro de 2021

 
 
Un microchip é un compoñente electrónico que está presente en case calquera dispositivo tecnolóxico actual, desde xoguetes, electrodomésticos, utensilios de hixiene e beleza persoal; ademais de todos os dispositivos de comunicacións, computadores, dispositivos móbiles e de lecer, como consolas de videoxogos. Son parte fundamental dos nosos ecosistemas dixitais e ocúpanse de que todos estes dispositivos funcionen correctamente.
 
Non todos os microchips teñen as mesmas funcionalidades, uns son capaces de realizar un puñado de tarefas sinxelas, como o que ten un cepillo de dentes de última xeración, e outros son enormemente sofisticados, como, por exemplo, unha CPU de computador ou dun dispositivo móbil. 
 
Deste xeito, o seu proceso de fabricación tamén é diferente, un microchip "sinxelo" non require dunha fábrica súper sofisticada para a súa produción (hai moitas destas repartidas por todo o planeta). Pero a cousa complícase canto máis sofisticado e complexo é o microchip, os computadores, dispositivos móbiles, consolas de videoxogos ou a industria do automóbil; que ata hai pouco non era un cliente habitual do microchip de altas prestacións, pero debido á electrificación e o coche conectado convertéronse en grandes demandantes deste tipo de microchips. Todos eles dependen dalgunha das escasas fabricas capaces de producir estes sofisticados microchips a nivel mundial: TSMC e Samsung son as principais.
 
Que é o que sucede agora coa chamada "Crise do microchip"?
 
Covid-19, si, podemos dicir que o culpable de todo isto que está a suceder son consecuencias da pandemia que estamos a sufrir, pero non o único culpable.
 
En 2020, en plena pandemia, xa sufriramos confinamentos, restricións de mobilidade, etc., o que provocou que os nosos hábitos sociais e laborais cambiasen radicalmente. Teletraballo e pasar máis tempo en casa volveuse habitual, o que supuxo unha altísima demanda de dispositivos móbiles e ordenadores para adaptarnos ao teletraballo e de videoconsolas, principalmente, para o lecer.
 
Para a campaña de Nadal de 2020 varias empresas planeaban lanzar as súas novidades a nivel mundial, algunhas das máis relevantes son AMD - procesadores e tarxetas gráfica-, NVIDIA – tarxetas gráficas-, APPLE - novos iPhone 12- , SONY - PlayStation 5-, todos dependentes dun dos escasos fabricantes de microchips, TSMC ou Samsung. A demanda era brutal e moitos destes artigos esgotábanse aos poucos días de saír ao mercado e algúns deles, sendo obxecto de especulación, duplicaban ou triplicaban o seu prezo de saída.
 
A isto hai que engadir a altísima demanda de chips da industria do automóbil á que se lle está metendo moita présa por electrificar a mobilidade mundial. Agora mesmo, é a industria máis afectada pola escaseza de chips.
 
Estímase que o 60% da produción de microchips orixínase en Taiwan e, como o resto do planeta, viuse afectada polas restricións e os distintos brotes de Covid 19, provocando peches temporais das fábricas e minguando sensiblemente a capacidade de produción. A isto hai que engadir a maior seca das últimas décadas na rexión, que provocou unha escaseza importante de auga, imprescindible para a fabricación de microchips.
 
Por tanto, cantos máis chips necesitamos, menos somos capaces de producir e as persoas expertas prevén que esta situación prolónguese polo menos todo o 2022. 
 
Poderiamos pensar que deberiamos instalar máis fábricas de microchips e que, á súa vez, non estivesen concentradas nunha soa área. É unha posibilidade, pero non é tan sinxelo, o proceso de fabricación dos microchips é extremadamente complexo. Implantar unha destas fábricas en Europa ou EEUU levaría algúns anos, e non só polo proceso de levantar a fábrica, senón por dominar a tecnoloxía necesaria no proceso de fabricación.
 
Ao comezo da pandemia, démonos conta da tremenda dependencia á que as nosas industrias están sometidas, cando vimos que non tiñamos infraestrutura para fabricar algo tan simple como unha máscara, consecuencia directa da globalización. Aos poucos, fomos deslocalizando procesos de fabricación a zonas economicamente máis convenientes e isto crea graves problemas en situacións como a actual. 
 
Empezan a verse intentos para reverter a situación tanto en Europa como EEUU, pero levará moito tempo ter, polo menos, parte do control sobre a fabricación de microchips.
 
  • Bosch uno dos principais provedores tecnolóxicos na industria do automóbil acaba de anunciar a apertura dunha fábrica de obleas de silicio en Alemaña.
  • EEUU destina 52.000 millóns de $ para a investigación e apertura de novas plantas de fabricación de microchips
  • Zona Franca proxecta unha fábrica de microchips en Vigo, sería unha das primeiras de Europa en empregar técnicas fotónicas na súa fabricación.
Manuel Freire 
Asesor CPED

Fonte:  SmartPeme