Actualidade

« Atrás

Greentour: Economía Circular e Turismo Sostible en Destinos do espazo SUDOE

Data:  luns, 27 de xuño de 2022

 
A Deputación de Pontevedra forma parte dende o ano 2020 do proxecto "Greentour: Economía Circular e Turismo Sostible en Destinos do espazo SUDOE". Este proxecto europeo ten como obxectivo avanzar, nos destinos turísticos, cara un novo modelo ambiental, económico e social á vez que se informa ao consumidor e se obtén o seu compromiso co entorno no que se está a desenvolver a actividade turística.
 
A Deputación destina un orzamento de 100.000 euros, subvencionado o 75 % a través dos fondos FEDER, ao proxecto; que contará cun investimento total de 1.172.000 euros, dos que o 75 % está subvencionado tamén por fondos FEDER. Turismo Rías Baixas forma parte, ata o ano 2023, do consorcio composto por membros de España, Portugal e Francia; entre os que se atopan a Escola Superior de Comercio Internacional da Universidade Pompeu Fabra, Lloret Futur S.A., a Universidade de Cantabria, a Fundación Camino Labaniego, EnergyLab, a Universidade de Aveiro, o Laboratorio da Paisagem-Associaçao para a Promoçao do Desenvolvemento Sustentável e Auvergne-Rhône-Alpes Tourisme.
 
Có fin de mellorar os métodos de xestión, conservación, protección, e fomento do patrimonio natural e cultural, "Greentour" desenvolve ferramentas de avaliación ambiental con análise do ciclo de vida, un software de ecoetiquetaxe para destinos turísticos e procederá á replicación, capitalización e diseminación dos produtos. 
 
A Deputación de Pontevedra contribúe á creación do software de ecoetiquetaxe para destinos turísticos coa recollida de datos dos catro subsectores (hoteis, restaurantes e cafeterías, ocio e transporte). Os datos obtidos serven de base para a xeración da ecoetiqueta e para a creación dunha base de datos de Análise do Ciclo de Vida (ACV) sobre actividades e establecementos turísticos aberta á comunidade científica.
 
A Deputación disporá de ferramentas que lle permitirán avaliar o impacto ambiental da actividade turística no seu conxunto a fin de implantar melloras coas que avanzar cara a ecoeficiencia do sector, mellorando a xestión do seu patrimonio. Estas ferramentas inclúen unha batería de indicadores ambientais entre os que se atopan o cálculo da pegada de carbono, a acidificación, a eutrofización ou a formación de oxidantes fotoquímicos. Estes instrumentos de avaliación contan para o seu desenvolvemento coa participación activa nas decisións científico-técnicas do consorcio e outros asociados interesados no proxecto, actuando como aporte de información e control externo dos resultados.
 
Con este proxecto, a institución provincial aspira a que en 2023 os negocios de turismo rural, aloxamento, ocio, transportes ou restauración dispoñan de esta ecoetiqueta para dar resposta ás demandas das persoas ecoturistas, un segmento de público que experimentou un crecemento notable nos últimos 3 anos.
 
A Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso coa Axenda 2030 e o turismo sostible como sector estratéxico da provincia; apostando pola sustentabilidade, a recuperación do patrimonio, o asesoramento e capacitación para este sector. 

Fonte:  SmartPeme