Actualidade

« Atrás

Google Fonts e as súas 5 mellores tipografías

Data:  venres, 20 de agosto de 2021

O primeiro que debemos facer é saber que é una tipografía e en que consiste Google Fonts.
 
As tipografías son tipos de letras, que varían en forma, tamaño e estilos segundo o significado que queremos aportar ao noso contido visual. Existen tres estilos de tipografías principais.
 
Sans Serif, ou máis comunmente chamadas tipografías de pau seco. Son tipos de letras con terminacións rectas e máis modernas, úsanse para textos xa que son de sinxela lectura, con elas damos unha imaxe de modernidade e actualidade á nosa marca.
 
Serif, son tipografías con terminacións, de uso máis clásico, xeran un aspecto máis elegante, a miúdo teñen uso en publicación coma periódicos, ou libros de lectura, si as letras son de grosor regular e teñen serif, farán que o cerebro preste máis atención ao texto.
 
  
E por outro lado temos as caligráficas, que son letras de estilo artesá, coma se estiveran manuscritas, son máis curvas e "románticas". Os grosores e formas son variados dentro de este estilo, e teñen un uso máis achegado ao artístico, e de carácter recargado.
 
 
E agora… Que é Google Fonts?
 
Google Fonts é unha das plataformas máis coñecidas no uso libre de tipografías para os nosos proxectos gráficos. Nos seus inicios foi plantexado coma un directorio de tipografías para o seu uso en páxinas web pero, co tempo, chegou a ser un dos catálogos máis completos e accesibles de carácter tipográfico. Conta con amplo rango con diferentes estilos de letra, entre as vantaxes que ten con respecto a calquera outro banco de tipografías gratuíto, temos a opción de descarga directa e gratuíta, o uso en contornas dixitais e de impresión de maneira comercial, e persoal, a accesibilidade a estas tipografías de maneira sinxela a través de plataformas coma Wordpress, Prestashop, ou en programas online coma Canva.com e Photopea.com. Ó único que non se pode facer é lucrarse da venta directa das tipografías, algo lóxico tendo en conta que é un recurso gratuíto ó alcance de todos.
 
Todo isto converte a Google Fonts nun dos recursos principais para escoller os tipos de letra que usaremos na identidade da nosa marca ou proxecto, xa que poderemos acceder de maneira moi sinxela a calquera das súas variantes tipográficas.
 
Cando escollemos tipografías temos que pensar en como é a nosa marca, que queremos proxectar, e, a partir de aí, escoller o estilo que mellor se axeita. Pero por outro lado, ter unha pequena axuda de cales son as tipografías máis valoradas de Google Fonts non ven nada mal… así que, aquí temos o listado das 5 mellores tipografías da plataforma.
 
1. MONTSERRAT: Tipografía Sans serif (de pau seco), inspirada nos carteis do Barrio Montserrat en Bos Aires, (Arxentina), onde a súa autora deseñou unha sen saber que estaba creando un dos tipos de letra máis utilizados a día de hoxe nas páxinas web de todo o mundo. É unha das familias tipográficas máis completas con diferentes grosores, maiúsculas, minúsculas e con toda a puntuación precisa nos idiomas latinos.
 
  
 2. PLAYFAIR DISPLAY: Tipografía con Serif de aspecto elegante e clásico grazas a combinación de trazos grosos con outros máis finos, acertaremos de cheo usando esta tipografía en titulares ou frases curtas, non está recomendada para textos extensos xa que as diferenzas entre os trazos fan incomoda a súa lectura.
 
3. MERRIWEATHER: Un tipo de letra clásico, pero con menos elegancia que a Playfair. Aquí temos una boa opción para lectura en pantallas, sinxela de seguir en textos longod xa que os trazos son regulares e non conteñen complicación nas reducións. A pesar de ter trazos clásicos, é unha tipografía con moito carácter e con toques modernos.
 
4. ROBOTO: Tipografía creada nos seus inicios para o sistema operativo de Android, conseguiu un oco importante nas tipografías máis usadas xa que a súa xeometría  e o estilo condensado (letras estreitas) fan do seu uso para textos longos, e para titulares unha opción 100% acertada. Conta co título de tipografía máis descargada da plataforma, alcanzando así unha gran popularidade.
 
 
5. POPPINS: Unha tipografía compacta e de xeometría pura, moi versátil e con 9 estilos diferentes, de uso continuado en cabeceiras ou titulares pola súa forza, de sinxela combinación con outras tipografías. É minimalista, elegante e neutra, unha opción que debemos ter en conta sempre..
O mundo das tipografías é amplo e cheo de posibilidades, aínda que estas son as máis populares, anímovos a que botedes unha ollada a Google Fonts e escollades a tipografía que mellor se axeita ao voso proxecto.
 
Lara Taboada
Asesora de imaxe
 

Fonte:  SmartPeme