Actualidade

« Atrás

FAKE NEWS: INTERNET TOMA PARTIDO CONTRA A DESINFORMACIÓN

Data:  venres, 30 de outubro de 2020

 
Non é ningún segredo que o uso do rumor e a desinformación como instrumentos de poder e intereses particulares existiu sempre. Na era dixital, onde se simplifican moito as técnicas de difusión e amplificación da mensaxe (cun só clic podemos compartir calquera noticia falsa aos nosos centos ou miles de contactos que, á súa vez, poden facer o propio: o principio da viralidade) os seus efectos poden ser moi nocivos.
 
O termo fake news cobrou relevancia durante as eleccións presidenciais de 2016 en EE. UU., cando os/as xornalistas empezaron a rexistrar unha serie de noticias inventadas que se fixeron virais en Facebook cun claro afán partidista e polarizador. Dende entón, desenvolvéronse como estratexia maioritariamente política -outro exemplo dende entón podería ser o Brexit- ata que chegou 2020, a pandemia mundial debida á COVID 19 e un novo campo de batalla aínda máis sensible que a política, a nosa saúde.
 
Todas e todos recibimos, durante este ano e por diversas canles, información de dubidosa veracidade, mensaxes reenviados en redes sociais, cadeas de WhatsApp, gráficas e ata memes manipulados co único obxectivo de crear estados de opinión, cargar contra as administracións ou, simplemente, enmarañar o panorama informativo.
 
Que accións fóronse tomando neste tempo contra as fake news?
 
Poderiamos agrupar as accións que se levaron a cabo ata o de agora para combater as fake news en tres bloques, diferenciados pero complementarios na loita contra a desinformación. Por unha banda, a penalización en redes sociais, detectando perfís falsos, eliminando e restrinxindo bots e contas falsas que difunden bulos. A segunda medida é a aparición de portais de verificación de noticias (en España Maldita.es ou Newtral) que xa empezan a traballar estreitamente coas redes sociais, o principal caldo de cultivo das noticias falsas. Por último, deberiamos falar da importancia da educación dixital da poboación, que moitas veces non ten as competencias necesarias para distinguir a información veraz.  
 
Que están a facer as principais plataformas sociais para combater os bulos? 
 
Facebook
 
Facebook leva colaborando un tempo con axencias verificadoras de información, das que falabamos antes e, en función dos seus criterios, conseguiu reducir as visitas a estes contidos que difunden bulos nun 80%, empregando un algoritmo que penaliza as historias ou os post baixándoas no canal de contidos das persoas usuarias.
 
Google
 
Google vense asociando dende hai un tempo con institucións como a International Fact- Checking Network (IFCN), a National Academies of Sciences, Engineering, and Medicine ou o equipo de xornalistas de Saúde de The New York Times para verificar datos e posicionar mellor o contido fiable nas súas redes e buscador. Ademais, contan con máis de 10.000 avaliadores ao redor do mundo que cotexan os contidos e os resultados que aparecen no seu buscador.
 
Twitter
 
En canto a Twitter, a rede social dirixida por Jack Dorsey, intensificou o uso de algoritmos de aprendizaxe automática para detectar información falsa e eliminala. Tamén modificaron funcións como o RT, buscando reducir a viralidade destes contidos.
 
Instagram
 
Instagram (propiedade de Facebook) emprega algoritmos para identificar e rastrexar os hashtags que se utilizan frecuentemente en publicacións que conteñen información falsa ou enganosa. Recentemente, tamén empezou a redirixir ás persoas usuarias que buscan información sobre o coronavirus a unha mensaxe especial que proporciona ligazóns a fontes de información verificadas e autorizadas.
 
WhatsApp
 
Ata o de agora WhatsApp introduciu algunhas características encamiñadas a evitar as cadeas de mensaxes falsas, advertindo ás persoas usuarias que estes foron reenviados un gran número de veces e limitando á súa vez o número de contactos aos que podemos reenviar unha imaxe ou mensaxe. Ademais, ideou unha funcionalidade baseada nunha nova icona de lupa xunto ás mensaxes, co que podemos facer unha procura na internet do contido que recibimos. O método consiste en comparar outras publicacións que aparecesen xa no buscador de Google e que se rexistraron como noticias falsas. O mesmo poderase facer tamén co texto, que poderemos buscar na web para poder identificar se este corresponde a algún bulo que xa circula pola rede.
 
Como vedes, as principais redes sociais xa empezaron a tomar partido co fin de eliminar, ou polo menos reducir, as fake news. Desde Smartpeme recomendámosvos que, antes de ler ou compartir calquera información, comprobedes a súa fonte, co fin de asegurarvos de que o contido procede dunha fonte autorizada ou polo menos fiable.
 
Adrián Fernández
Asesor TIC

Fonte:  SmartPeme