Actualidade

« Atrás

En que pode axudarme a impresión 3D

Data:  luns, 15 de outubro de 2018

Tódolos días lemos novas noticias sobre fitos logrados con impresión 3D, desde equipos de F1 e NASCAR que tentan facer deseños de pezas máis lixeiros e resistentes, a impresión de réplicas de órganos humanos no espazo ou o último en chegar, a impresión en metal de alta velocidade que promete revolucionar sectores como o automobilístico ou o aeronáutico.

A estas alturas é indubidable que a impresión 3D está aquí para revolucionar a industria, pero, somos realmente conscientes das vantaxes que nos pode ofrecer directamente? Para as Pemes, autónomos ou profesionais, esta visión de fitos logrados parece afastada, a curto prazo polo menos, para empezar a implementar esta tecnoloxía na nosa empresa ou negocio, pero nada máis lonxe da realidade.

Os avances en impresión 3D destes últimos anos xunto co progresivo abaratamento dos equipos, están a dar un novo impulso a esta industria, pasando do seu uso para prototipado de modelos á utilización de impresoras directamente para a produción de pezas baixo demanda.

A impresión 3D está a especializarse, creando máquinas especificas practicamente para cada sector industrial. Así, temos máquinas especializadas en impresión de ABS a nivel industrial, de gran formato ou con áreas de impresión máis pequenas segundo necesidades, con custos asumibles por unha pequena empresa.

Ademais, dita especialización está a chegar a outros sectores, observando que o seu alcance vai moito máis alá da industria. Arquitectura, medicina, odontoloxía, xoiería… son algúns dos sectores que están a utilizar máquinas especializadas en impresión 3D cada vez mellores, máis rápidas e máis alcanzables. A súa utilización permítelles xerar modelos dunha maneira máis eficaz e reducindo os tempos notablemente.

A impresión de edificios reduce o tempo de creación da maqueta, permitindo obtela case dun día para outro, ademais de poder testear de forma directa o modelo 3D pola súa gran precisión. Outra das súas múltiples aplicacións é a realización de moldes, por exemplo no ámbito da odontoloxía, ou a fabricación de pezas dentais, abaratando os custos e reducindo nunha porcentaxe moi elevada os erros e imperfeccións.

Se aínda así os custos de ter unha impresora 3D resultan elevados ou es usuario casual, cada vez hai máis empresas que prestan servizos de impresión 3D a terceiros. Este é un bo método para probar as capacidades da impresión 3D no teu negocio/empresa sen necesidade de facer grandes investimentos ou como ensaio para coñecer con datos reais se a implantación do 3D nun proceso produtivo da empresa vai resultar efectivo ou non.

A oficina de  SmartPeme situada en Barro-Meis, está enfocada a axudar ás usuarias e usuarios interesados nesta tecnoloxía e outros campos innovadores. No  Fab Lab da Deputación de Pontevedra en Barro, poderás comprobar de primeira man as posibilidades que ofrece a impresión 3D mediante o uso das impresoras alí situadas. O asesor de  SmartPeme, a través das actividades de capacitación e os asesoramentos personalizados pode axudarche a descubrir as vantaxes desta tecnoloxía para o teu negocio, darche as pautas necesarias para empezar a imprimir e consellos sobre mellores prácticas para lograr mellorar as túas impresións e sacarlle o máximo partido.

Fonte:  SmartPeme