Actualidade

« Atrás

O turista dixital

Data:  venres, 11 de marzo de 2022

A empresa turística tivo que ir adaptándose sempre ás tendencias recentes da forma máis rápida posible, atopando novos nichos de mercado. 
 
Internet xogou un papel fundamental na globalización do noso planeta, por tanto, as tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs) foron fundamentais para dar lugar ao nacemento do turista dixital.
 
Que é o turista dixital?
 
Poderiamos definir ao turista dixital como aquela persoa que vai realizar unha actividade turística e utiliza medios dixitais para organizar, reservar ou comprar a súa actividade ou viaxe. 
 
Esta transformación foi moi rápida nos últimos 20 anos: inspíranse a través de fotos ou vídeos das redes sociais, compran billetes de avión nas webs das aerolíneas e reservan hoteis a través de axencias de viaxe en liña ou na web do propio hotel; sen necesidade de descolgar o teléfono, falar o idioma do lugar ao que van ou moverse da súa casa e o que é máis importante, fano a calquera hora e desde calquera lugar.
 
Unha tendencia claramente crecente, xa que, segundo datos do sector, o 90% dos españois xa organizan as súas viaxes eles mesmos sen necesidade da intermediación dunha axencia ou unha terceira persoa.
 
O turista dixital está hiperconectado e utiliza as novas tecnoloxías para todas as fases de compra, interactuando na rede con outras persoas usuarias para coñecer outras opinións e experiencias ou para organizar e resolver calquera parte da súa viaxe. 
 
É por iso que a reputación en liña dos establecementos turísticos xoga un papel fundamental para captar máis clientela. Os comentarios a través das redes ou plataformas como Tripadvisor son imprescindibles para o turista dixital que busca toda a información posible para documentarse antes de comprar a súa viaxe. De aí, a importancia de xerar contido de calidade con fotos e vídeos atractivos que transmitan a filosofía da empresa.  
 
Ademais, os turistas dixitais buscarán interactuar coa empresa que ofrece o servizo que van contratar antes de facelo; a velocidade de resposta e contido que reciban inclinará a balanza ao voso favor ou na vosa contra. Buscan inmediatez e calidade ao mellor prezo, pero non lle importa pagar polo que cren que merecerá a pena.
 
Por iso, a instalación de chatbots en webs turísticas resulta interesante en servizos que teñan as súas respostas moi ben definidas a problemas moi concretos. Pero a personalización destas respostas nos establecementos pequenos e familiares pode ser unha vantaxe competitiva determinante fronte ás grandes cadeas da industria turística.
 
Unha vez que o turista dixital goza da súa viaxe compárteo en tempo real coas súas persoas seguidoras ou na rede para que miles de persoas poidan ver o que el está a ver; o que incitará a outros turistas dixitais a querer vivir esas mesmas experiencias.
 
Desta forma, se o turista ten unha percepción positiva impactará en moitas persoas, dá igual o lonxe ou preto que estean: os teus servizos poden chegar a calquera parte do mundo. Pola contra, se o teu servizo é percibido como malo, usará os medios dixitais como denuncia e a túa reputación pode verse moi afectada. 
 
Por iso, é importante interactuar, responder e axudar da forma máis amable posible a calquera persoa que se poña en contacto connosco a través de Facebook, Instagram,  WhatsApp ou outro medio. 
 
O futuro do turista dixital 
 
As novas tecnoloxías xa permiten crear realidades aumentadas da Acrópole, viaxar a ela e descubrir como era 2.000 anos antes. Podemos visitar o Museo do Prado desde calquera lugar do mundo. Mesmo na páxina de Turismo de Galicia podemos visitar virtualmente mosteiros sen movernos do sofá. 
 
É posible que nos enfrontemos a un novo reto neste aspecto e o futuro do turista dixital pase por viaxes inmersivas a metaversos ou realidades alternativas?
 
A sociedade segue cambiando a pasos axigantados e a industria turística deberá adaptarse a estes cambios se quere conectar cos novos turistas dixitais.
 
 
Patricia Cabaleiro
 
Asesora TurisTIC
 

Fonte:  SmartPeme