Actualidade

« Atrás

O fin das cookies de terceiros en Google Chrome

Data:  venres, 05 de marzo de 2021

Seguro que ao entrar nesta páxina apareceuche un banner co aviso "Este sitio web utiliza cookies". Isto significa que, ao visitala, gardaranse uns arquivos no teu dispositivo, que almacenan información do que fas nela. Permiten, por exemplo, manter o teu acceso á devandita web, lembrar as túas preferencias ou ofrecerche contido relevante.

As cookies poden ser creadas pola web que visitas, ou tratarse de "cookies de terceiros", que proveñen dun dominio diferente ao da web que estamos a visitar. Un exemplo sería a publicidade que se mostra nunha web doutras páxinas que visitamos con anterioridade.

En xaneiro de 2020, Google sorprendía cun comunicado "bomba" achega do futuro da súa navegador web: A partir de 2022, Google Chrome bloqueará as cookies de seguimento de terceiros dos sitios web. É dicir, bloqueará o rastro que deixamos cada vez que visitamos unha web, evitando que as empresas anunciantes teñan un perfil individual do noso comportamento.

Por que Google toma esta decisión? A privacidade é a clave

A decisión de eliminar estas cookies de seguimento pode parecer sorprendente, xa que son as que permiten que apareza publicidade nas páxinas web. E máis se temos en conta que unha empresa como Google vive en gran medida da publicidade, e que a forma que teñen as empresas anunciantes de segmentar ao seu público é a través das cookies.

O obxectivo global é que internet sexa máis privado e seguro para as persoas usuarias, e protexer a súa intimidade. Outros navegadores como Firefox e Safari xa bloquean estas cookies. Tendo en conta que son, xunto a Google Chrome, tres dos navegadores máis utilizados no mundo, estímase que en 2022 o 86% das persoas que utilicen internet terán as cookies de terceiros bloqueadas por defecto.

Como podo adaptarme a este futuro sen cookies

Se é un ou unha profesional ou empresa que utiliza a publicidade na internet para chegar a un público segmentado, quizá te esteas preguntando como poderás chegar a ese público sen utilizar cookies nun futuro non moi afastado.

En primeiro lugar, teremos que familiarizarnos cun novo paradigma: pasaremos de coñecer exactamente cada dato e paso que dá cada unha das nosas persoas usuarias a nivel individual, a traballar con grupos de audiencias con características en común. Do mesmo xeito que coñeceremos os resultados das nosas campañas extrapolando a parte da información que coñeceremos, a unha información máis completa.

As principais ferramentas que utilizamos para publicitarnos ou coñecer o comportamento do público (Facebook Ads, Google Analytics) xa están a comezar a súa adaptación, eliminando o seguimento a través de cookies. Facebook, substitúe o seu píxel pola integración a través dunha API de conversión, e Google Analytics 4 baséase en eventos das persoas usuarias, e non nas visitas destas á nosa web.

Outro punto que non debemos perder de vista é a opción de conseguir os nosos propios datos a través das subscricións. Un modelo tradicional que se basea en ofrecer ás persoas navegantes algo de valor, como recompensa por compartirnos os seus datos.

Se queres comezar a familiarizarte con estas novas formas de coñecer á túa audiencia, de integrar a túa web coas ferramentas adecuadas e de conseguir os teus obxectivos de negocio, solicita hoxe mesmo a túa cita en Smartpeme e axudarémosche.

 

Esther Garcinuño de Pablos

Asesora TIC SmartPeme

Fonte:  SmartPeme