Actualidade

« Atrás

O CPAE 2.0 da Deputación de Pontevedra ofrecerá un relatorio na xornada Autónomo 2.0 en Redondela

Data:  martes, 23 de setembro de 2014

Amancio Varela, xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, e o xefe do proxecto do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) estarán presentando un relatorio na xornada Autónomo 2.0, organizada por APE Galicia e a Asociación de Empresarios de Redondela

O vindeiro mércores 24 de setembro celebrarase en Redondela a xornada de promoción do traballo autónomo denominada Autónomo 2.0. Terá lugar no auditorio multiusos da Xunqueira ás 20:30 horas e vai destinada a desempregados, emprendedores, autónomos e comerciantes que desexen emprender un negocio en liña. A asistencia a esta actividade é libre e gratuíta.

Este evento está organizado pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) coa colaboración da Asociación de Empresarios de Redondela, no marco dunha serie de xornadas realizadas co apoio da Deputación para o fomento do autoemprego.

A xornada está dividida en dúas partes. Primeiro, José María López, docente e experto en TIC, abordará os seguintes temas: os alicerces do comercio, As redes afectivas no comercio tradicional, a evolución ás redes sociais virtuais, casos prácticos e, por último, sinalará as eivas habituais nas redes sociais e no comercio electrónico. Na segunda parte os responsables da Deputación explicarán os servizos que lles ofrece o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 ós autónomos e microempresas.

O obxectivo da xornada é proporcionarlles ás persoas que se decidan a emprender un negocio en liña ideas e consellos para garantir o éxito do proxecto. Polo tanto, estará moi dirixida a falar de comercio electrónico para as micropemes e sobre as técnicas de mercadotecnia en liña.

Cabe subliñar que os empresarios e autónomos da zona poden achegarse ó CPAE 2.0 de Vigo, situado na sede da Deputación na rúa Oporto, ou tamén á oficina do Porriño. Desde estes centros dáselles cobertura ás máis de 33.000 empresas e autónomos das comarcas de Vigo e do Baixo Miño. Nestes dous puntos foron asesoradas ata o momento 102 empresas e autónomos e solucionáronse un total de 109 consultas. As temáticas máis demandadas ata agora foron cómo crear o seu propio comercio electrónico, cómo usar as redes sociais nos seus negocios e cómo poñer en marcha ferramentas de xestión empresarial. Igual que no conxunto da provincia, o sector que máis utilizou este servizo foi o do comercio e servizos profesionais como aseguradoras ou asesorías.

Pódese solicitar cita previa no portal web www.cpae20.depo.es, a través do teléfono 886 20 20 20 ou no enderezo info.cpae20@depo.es

 

Fonte:  CPAE