Actualidade

« Atrás

O comercio electrónico como motor de dinamización da economía

Data:  mércores, 08 de outubro de 2014

O nacemento da Web 2.0 converte internet nun espazo social, con cabida para todos os axentes implicados, capaz de formar parte de e darlle soporte á sociedade da información, a comunicación e o coñecemento. A sociedade da información recolle, comparte e proporciona información de distinta índole, converténdose nunha plataforma ideal para o intercambio de bens e servizos. Xorde, así, o comercio electrónico na rede.

O número de españois que accede a internet foise incrementando nos últimos anos. Segundo o informe Sociedade da Información, da Fundación Telefónica, en 2013 o acceso á internet aumentou en case 2 puntos porcentuais con respecto a 2012, alcanzando o 71,6 %. En cifras absolutas, 24,8 millóns de españois acceden a internet, 700.000 usuarios máis que o ano anterior.

No cuarto trimestre de 2013 a compra de bens e servizos a través da rede alcanzou un volume de negocio de 3.432,1 millóns de euros en España, o que supón un 29,2 % máis que no mesmo trimestre de 2012, e cun total de 54,5 millóns de operacións, segundo os datos do último informe de Comercio Electrónico publicado pola CMT.

A internet sitúase desta forma como un ámbito de operacións idóneo para proporcionar unha completa información ó comprador e un escaparate universal para a oferta de bens e servizos do vendedor. É unha canle óptima para a comunicación, a reputación e a experiencia de compra dos cidadáns e, ó mesmo tempo, unha excelente alternativa para as empresas ante unhas canles de distribución cada vez máis complicadas.

Entre as vantaxes máis destacables para as empresas atópase a desaparición dos límites xeográficos e de tempo (a venda pode facerse os 365 días do ano), o ámbito internacional, a redución de inventarios, a proximidade ós clientes, a maior interactividade e personalización da oferta e o aforro de custos comerciais.

Para os clientes, os beneficios máis destacables son o aumento da autonomía do consumidor, podendo elixir nun mercado global acorde ás súas necesidades, a redución da cadea de distribución –o que permite adquirir os produtos a mellor prezo–, a maior interactividade e personalización da demanda e a dispoñibilidade de acceder á información no momento en que sexa necesario.

A provincia de Pontevedra precisa dotarse de medidas innovadoras que permitan un crecemento sustentable do territorio mediante a habilitación de novos servizos que impulsen o tecido empresarial pontevedrés.

Fonte:  Manuel Márquez, socio de PwC