Actualidade

« Atrás

Deseño para non deseñadores

Data:  xoves, 30 de xullo de 2015

Todos, nalgún momento, vímonos na necesidade de deseñar algo para impulsar as vendas ou servizos que ofrecemos. Non sempre podemos investir unha gran cantidade de diñeiro niso; se somos un pouco curiosos e nos gusta a tecnoloxía podemos facer cousas moi boas usando estas sinxelas ferramentas en liña que nos converten en deseñadores ós que non o somos. Lembremos que o uso das imaxes atrae a atención dos lectores.

Facer un artigo con información atractiva pode que nos faga gañar moitos seguidores. Iso si, para elaborar unha imaxe para ese cometido, precisamos ferramentas sinxelas. Así que esquécete de Photoshop e CoralDraw. Necesitamos ferramentas como Canva , PicMonkey, Piktochart; en liña, gratuítas, potentes e fáciles de usar para que, practicamente cun clic, podamos crear infografías, folla de man, pósters, tarxetas de presentación e todo tipo de imaxes, desde as máis simples ás máis atractivas e elegantes.

Canva é unha das mellores aplicacións en liña. O máis destacado é o seu índice de composicións que van desde o documento en A4 á tarxeta de visita, pasando polo gráfico para o blog ou para as redes sociais, entre outras.

En cada tipo de deseño podes elixir entre unha morea de modelos predefinidos que podes alterar ó teu gusto. Para os textos tamén é posible escoller a partir dun gran número de patróns predeterminados, así como para os backgrounds. E, por suposto, é factible subir as túas propias imaxes, todo iso arrastrando e soltando elementos de forma moi intuitiva.

En definitiva, estamos ante unha ferramenta de deseño gráfico, para os nosos blogs ou redes sociais de alta calidade, moi fácil de utilizar e con deseños predefinidos, elegantes e modernos que nos permiten obter uns resultados marabillosos para os que nos somos expertos en deseño gráfico.

Un cordial saúdo desde CPAE 2.0

Autor: Victor José Fernández Castro, asesor TIC no CPAE 2.0

Fonte:  CPAE