Actualidade

« Atrás

Día Mundial do Turismo

Data:  venres, 25 de setembro de 2020

 
 
O día 27 de setembro celébrase o Día Mundial do Turismo e este ano ten como lema "Turismo e desenvolvemento rural". A Asemblea Xeral da Organización Mundial do Turismo estableceu ese día hai 40 anos e elixiuse esa data, o 27 de setembro, pois ese mesmo día de 1970 aprobáronse os Estatutos da Organización Mundial do Turismo (UNWTO).
 
O turismo ten unha gran capacidade para xerar oportunidades máis aló das cidades, así como para preservar o noso patrimonio, cultura e natureza e é un sector clave para a economía da nosa provincia.
 
O turismo mantivo un crecemento sostido nas últimas décadas ata alcanzar case dun 10,5% do PIB galego sendo a provincia de Pontevedra a que máis peso ten no sector turístico da nosa comunidade. Estes datos poñen en valor a importancia do sector turístico do que o noso país é o segundo destino internacional.
 
Este sector creceu de forma ininterrompida desde mediados do século XX ata os nosos días a pesar da recesión económica global da última década, diferentes crises de seguridade e sanitarias.  Tendo en conta o anterior e aínda considerando a situación actual, a OMT prevé que seguirá crecendo a un ritmo constante na próxima década.
 
Un dos sectores no que máis impactou a crise xerada polo COVID-19 foi, precisamente, o sector turístico; no que as restricións á mobilidade e unha caída brusca da demanda xeraron un rápido descenso no número de persoas visitantes e turistas. A pesar da conxuntura que estamos a vivir, Rías Baixas, a marca turística da provincia de Pontevedra, revalida os mellores datos de ocupación de Galicia e colócase como quinto destino nacional. Isto débese a que non dependemos do turismo internacional e estamos posicionados como un destino seguro e non masificado, cunha oferta multiproducto na que a paisaxe, a natureza e a gastronomía son claves á hora de elixirnos. 
 
A pesar de todo estamos nun momento de cambios no que a caída de demanda e os novos hábitos da nosa clientela obrígannos a repensar e reorientar o modelo de negocio, innovar e dixitalizar as nosas empresas e potenciar a comercialización en liña.
 
O uso das novas tecnoloxías aplicadas ao turismo pode axudarnos a conseguir un tecido empresarial máis competitivo e eficiente e desde SmarPeme e TurisTIC podemos mostrate infinidade de solucións para ofrecer servizos máis seguros, mellorar a xestión e ampliar as canles de comercialización.
 
 
Sonia Torres
Asesora TurisTIC

Fonte:  SmartPeme