Actualidade

« Atrás

Covid-19 e a tecnoloxía

Data:  venres, 12 de xuño de 2020

 
As novas tecnoloxías van ocupando o seu espazo na nosa contorna laboral e persoal, en moitas ocasións sen apenas darnos conta de que as estamos utilizando.
 
Nesta crise sanitaria que estamos a vivir, temos a oportunidade de coñecer o útiles, e en ocasións imprescindibles, que se volveron o uso destas novas tecnoloxías na loita mundial contra o Covid-19. Algunhas destas tecnoloxías ás que se fan referencia son a impresión 3D, Intelixencia artificial, Robótica, Blockchain, APP móbiles ou Ciberseguridade.
 
A impresión 3D permite a fabricación baixo demanda de material médico rápido e asumible. Como exemplo, o desenvolvemento dun respirador con 3 horas de fabricación e un custo de 100€. En España, só a comunidade maker fabricou 400.000 máscaras para uso sanitario.
 
O uso de algoritmos de Intelixencia Artificial aplicados na loita contra o Covid-19 permite a detección de persoas infectadas, recoñecemento facial con cámaras térmicas para tomar a temperatura a multitude de persoas nun instante ou detectar persoas que non levan máscara en estacións de metro ou tren.
 
A robótica está a aplicarse en tarefas como a desinfección de habitacións, salas de espera ou corredores nos hospitais mediante robots autónomos con dispositivos de luz UV tipo C, tamén para tratar directamente con pacientes (podendo facer entregas de alimentos ou medicamentos) e mesmo facer de ponte entre paciente e médico mediante un software de recoñecemento do fala.
 
Unha das aplicacións da tecnoloxía de blockchain é a de poder preservar a trazabilidade dunha cadea de suministros. Aplicado ao material sanitario, pódese facer unha mellor xestión dos recursos, determinar a súa orixe, o seu modo de fabricación e, por tanto, a súa idoneidade. Tamén se pode aplicar para reducir a propagación de mentiras ao poder coñecer a orixe da noticia e determinar así a súa credibilidade.
 
O emprego de APP móbiles de tele-medicina está a axudar a evitar o colapso dos teléfonos de emerxencia, que en momentos de máximos alcanzaba os 15 minutos de espera. As APP con xeolocalización permiten un mellor control dos infectados e as súas corentenas.
 
Doutra banda, estamos a ver que, debido ao confinamento, o uso da internet incrementouse considerablemente. O teletraballo é, en parte, responsable deste aumento, pero tamén o que as PEMES e persoas autónomas busquen con maior intensidade unha saída en liña aos seus negocios. Isto provocou un gran aumento da ciberdelincuencia, ataques con técnicas de Phishing, suplantación de identidade, estafas… e é aquí onde a ciberseguridade xoga un papel determinante.
 
Todas estas tecnoloxías están a contribuír na toma de decisións, acurtar os tempos de diagnósticos, a mellorar as competencias dos profesionais ou a predicir solucións.
 
Que sucederá a partir de agora?, Como será esta volta á actividade empresarial e comercial?
 
As principais consultoras coinciden en que se esperan grandes cambios nos comportamentos sociais e empresariais, os hábitos de consumo, os espazos de traballo, a forma de relacionarnos cos demais, etc., e espérase que moitos deses cambios van permanecer cando esta emerxencia sanitaria pase. Por tanto, as ferramentas que proporcionan estas tecnoloxías son fundamentais para adaptar os negocios e empresas á nova realidade.
 
Favorecer o teletraballo e a potenciación das canles dixitais, como o e- commerce, son recursos fundamentais e fan que o investimento en ciberseguridade sexa máis necesaria que nunca. Continuar facendo uso de ferramentas de análises de datos (Big Data) para coñecer mellor as necesidades da clientela, optimizar procesos e recursos ao poder predicir a demanda ou o uso de robots camareiros ou recepcionistas para servizos de hostalería e restauración son algúns dos exemplos que xa se están empregando en España.
 
"O investimento en innovación e a adquisición de avances tecnolóxicos brindan ás empresas unha vantaxe competitiva única" - Raúl López, Director de Tecnoloxía e Innovación de Grant Thornton.
 
Manuel Freire
Asesor CPED

Fonte:  SmartPeme



« Agosto 2020 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2
3 4 5 6 7 8 9
10 11 12 13 14 15 16
17 18 19 20 21 22 23
24 25 26 27 28 29 30
31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento