Actualidade

« Atrás

Cómo vender a través da internet

Data:  xoves, 24 de xullo de 2014

Adaptarse ás novas tecnoloxías é hoxe unha obriga para que a súa peme non perda oportunidades de negocio nun mercado no que unha boa estratexia en liña pode marcar a diferenza entre o éxito e o fracaso.

Toroshopping conseguiu vender por internet máis do 60 % dos seus produtos relacionados co mundo da tauromaquia fóra de España. As gaitas galegas do Obradoiro Seivane tamén viaxaron por medio mundo. Se eles o lograron, vostede tamén pode sacar proveito das novas tecnoloxías para ampliar o seu número de clientes e aumentar a súa facturación. Unha tenda en liña e un bo uso das redes sociais fixeron que estas dúas pemes atopasen o seu nicho de mercado a golpe de rato.

Estar á última é moi difícil, sobre todo polo trepidante ritmo co que evoluciona a tecnoloxía. Con todo, trátase dun exercicio profesional imprescindible para adecuar o negocio ó século XXI. "Adaptarse non é unha elección na actualidade, é unha necesidade", subliña Marc Cortés, profesor de dirección de márketing de Esade e socio director da consultora de estratexia dixital RocaSalvatella.

A dixitalización permite "ter acceso a un mercado cada vez máis globalizado, realizar campañas económicas de mercadotecnia ou venderlle directamente ó consumidor", apunta Íñigo Maeztu, director de Novas Tecnoloxías de TIC Euskadi.

Como montar un comercio electrónico

Crear unha tenda en liña custa entre 2.500 e 6.000 euros. É unha boa forma de atraer novos clientes e facer máis caixa. Non obstante, hai empresas que a instalan con formatos feitos a medida, co que obteñen grandes descontos para o primeiro ano. Os servizos que ofrecen son os máis básicos e, por tanto, a calidade é menor.

Segundo datos do INE, o 71,6 % da poboación española de 16 a 74 anos utilizou internet en 2013, o que supón un público potencial inmenso, e iso só no noso país. Os expertos apuntan que, aínda que os gastos poden ser elevados, se trata dun proxecto que, se foi ben deseñado, axudará a que a compañía sexa máis rendible. Para ter éxito cun negocio virtual é importante trazar unha boa campaña en internet cos seguintes pasos.

  • Unha boa planificación é fundamental. Non se trata de abrir unha tenda en liña sen máis, posto que se debe valorar, en primeiro lugar, en que destaca a compañía, que pode ofrecer e a quen estará dirixido o seu portal de Internet. É necesario, por tanto, coñecer primeiro o produto co que se conta e saber se é viable distribuílo desta maneira a un prezo que o faga atractivo para o consumidor. Ademais, hai que incluír un plan financeiro e estudar se é posible sufragar todo este investimento.

Para fidelizar os clientes debe contar cun bo sistema de entrega e devolucións

  • O seguinte paso é a montaxe propiamente da tenda, seguindo sempre un deseño fácil de usar que non dificulte a venda. Para iso, pódese optar nun principio por solucións integrais que ofrecen todo o necesario para estar presentes na rede. Se a facturación vai ben, será o momento de elixir plataformas máis individualizadas e adaptadas ás necesidades específicas do negocio. Prestashop ou Magento son algunhas das opcións máis habituais.
  • Unha vez que a tenda está montada, vén o máis difícil: a venda e, máis aínda, que o cliente repita. Para iso, un punto moi importante é ter resolto o sistema de entrega e devolución do pedido. Os medios de pagamento poden ser os tradicionais (contrarreembolso, transferencia ou domiciliación bancaria) ou, o máis habitual, en liña (tarxeta ou Paypal). Se se elixe o segundo formato cómpre dotar a páxina dunha boa seguridade para os datos e unha política de privacidade.
  • Tamén é importante a promoción, para que o mercado saiba que existe esa nova opción virtual. Por este motivo hai que dar a coñecer a oferta ós posibles clientes e presentala da maneira máis atraínte posible. Non sempre é preciso gastar unha pequena fortuna en publicidade tradicional posto que hoxe en día as redes sociais son un escaparate para as pemes barato e moi accesible.
  • Para pechar a operación é necesario facer un seguimento e valorar toda a información que xeren as vendas e as visitas á web. A propia plataforma ofrece informes periódicos que permiten saber que aspectos da tenda hai que mellorar e cales están a funcionar ben. Por exemplo, determinará se un cliente iniciou unha compra pero non a completou, caso no que habería que estudar se o sistema de pagamento é sinxelo e fiable.

Proceso de adaptación

A apertura dunha tenda débese enmarcar dentro dun plan de dixitalización da peme, que optimice o investimento en tecnoloxía xa que, segundo explica Marc Cortés, "non é un modelo de negocio en si, é unha ferramenta para gañar diñeiro". Para logralo, o experto recomenda certas pautas:

  • Faga unha análise interna da peme para saber que aspectos están a facerse ben e, polo tanto, non cambialos se non van dar un mellor resultado.
  • Redeseñe os puntos de contacto co cliente, tanto actual como potencial. Para iso, debe detectar como usa internet e enfocar os esforzos nesa área. Por exemplo, se o único que fai é comprar na rede buscando e comparando, haberá que mellorar a tenda en liña (loxística, servizo de posvenda ou prezos máis agresivos).
  • Analice que produto funcionaría ben na tenda en liña ou como pode gañar máis dixitalizándoo. Ás veces non é necesario realizar un cambio profundo, senón modernizar certos aspectos tradicionais para facelos máis dinámicos e efectivos. Este é o caso dalgúns negocios de hostalería que toman os pedidos mediante cadernos dixitais ou simples tabletas con aplicacións específicas que mandan directamente a comanda a un computador instalado na cociña, conseguindo así acurtar os tempos de entrega.
  • Por último, propoña un redeseño do modelo de negocio para adecualo ó mundo dixital. Trátase, por exemplo, de buscar novos produtos, vendelos en canles diferentes ou darlles unha nova utilidade, co obxectivo de que todo este investimento pague realmente a pena.
  • Grazas a este traballo de adaptación, coñeceranse que procesos poden ser mellorados na peme mediante a aplicación das novas tecnoloxías que existen no mercado.

Faga rendible a súa peme nas redes sociais

En España hai máis de 18 millóns de usuarios de Facebook e máis de dous millóns en Twitter, as grandes redes sociais na actualidade. Conseguir a atención dunha gran parte deles é un soño para os community manager, encargados de xestionar a imaxe das empresas en internet.

As redes sociais son plataformas accesibles nas que as pemes poden aumentar a súa visibilidade pública sen ter que dedicar grandes fortunas ó seu orzamento en materia dixital.

Ademais, son unha alternativa barata para darse a coñecer dentro do mercado

No entanto, pódense converter nunha arma de dobre gume. Por exemplo, un tweet desafortunado pode afundir un negocio nunha soa mañá por culpa desa publicidade negativa. Por este motivo hai que analizar con coidado os obxectivos estratéxicos da empresa antes de publicar algunha novidade ou subir unha foto, ademais de determinar que se pretende conseguir realmente a través destas canles de comunicación cos clientes.

Doutra banda, conseguir viralidade nas mensaxes é publicidade gratuíta e moi efectiva. Contidos que apeteza compartir para que outros amigos virtuais o lean dan unha notoriedade extra á marca.

Tamén hai que atender os seguidores, realizar actualizacións periódicas –sen saturar– e xerar contidos de calidade. Por este motivo, débese investir tempo en responder os comentarios, ver como interactúa a xente na rede social e como se pode chegar a convertelos en prescritores do negocio.

Revisar as opinións dos clientes e analizar os seus gustos segundo as publicacións que fan nelas é unha fórmula de mercadotecnia directa, sinxela e accesible. Ademais, este traballo pódese analizar dunha maneira obxectiva grazas a ferramentas como Twitter Ads, que permite "monitorar o seu investimento e o rendemento das súas campañas", apunta Pepe López de Ayala, director de Twitter España.

Orange3, en Twitter: "unha conta en Twitter é unha embaixadora da marca", subliña Juan Luis González (na foto), director xeral de Orange3, que vende laranxas a través de internet. Así resume a importancia das redes sociais para esta peme andaluza, insistindo en que se trata de "unha ferramenta básica de atención ó cliente", e que os comentarios deben tramitarse inmediatamente. "Non é só vender máis, tamén se pode aumentar a notoriedade ou, mesmo, construír unha marca", apunta González, que insiste en que hai que "saber informar e formar os seguidores". Non chega con estar presente en internet, hai que ser moi activo.

Mandala, en Facebook: constancia, perseveranza, verdade, creatividade, amabilidade, flexibilidade e escoita. Estes son os ingredientes necesarios para que un perfil profesional en Facebook sexa unha ferramenta proveitosa para unha peme, segundo explica Fernando Cabal (na foto), director de Mandala Ediciones. "Hai que esquecerse dos esquemas da publicidade clásica, trátase de facer comunidade, de se achegarse ós nosos posibles clientes e entender os seus gustos e necesidades", insiste Cabal. O contacto directo é fundamental, pero Facebook tamén serve para coñecer provedores: "novos autores fannos chegar as súas propostas desde todo o planeta".

Hofmann: innovar para se diferenciar

A chave do éxito dunha tenda en liña reside en "ofrecerlle ó consumidor unha experiencia amigable, sólida e fiable, pero, sobre todo, en innovar constantemente para establecer diferenzas competitivas", opina Rafael Martínez-Avial (na foto), conselleiro delegado de Hofmann, que elabora álbums de fotos en internet. Esta empresa tivo que dixitalizar os seus produtos para sobrevivir; actualmente, máis dun 90 % dos seus ingresos proceden da venda en liña.

O feito de estar presente en feiras internacionais fixo que esta compañía detectase, a principios de 2000, a tendencia do seu sector. Puideron así "desenvolver a tecnoloxía necesaria para fabricar os álbums dunha maneira automatizada".

Mr. Wonderful: só contido de interese

Internet é, ás veces, o primeiro paso para crear un negocio máis tradicional. Iso fixo Mr. Wonderful, un estudo de deseño que en 2012 lanzou unha tenda en liña. Pronto, diferentes comercios contactaron con eles para distribuír os seus produtos e, na actualidade, están en puntos físicos de España e varios países europeos. Isto xa representa dous terzos das súas vendas.

Para unha boa presenza na rede Angy Cabal e Javi Aracil, socios fundadores de Mr. Wonderful, recomendan só as redes sociais nas que se ofrece contido de interese", e "crear estratexias adecuadas para lograr os obxectivos marcados". Pero non hai que esquecer que "todo isto sempre ten que estar apoiado nun bo proxecto".

http://www.expansion.com/2014/07/14/pymes/1405330045.html

Fonte:  http://www.expansion.com



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento