Actualidade

« Atrás

Como utilizar o márketing emocional para posicionar a nosa marca

Data:  xoves, 05 de decembro de 2019

 
O márketing emocional nace da estratexia básica da persuasión onde facemos partícipe ao noso segmento de mercado como centro do noso negocio, no cal incorporamos os sentimentos como estratexia de venda.
 
Cada vez máis, as empresas e as marcas oriéntanse á humanización, como estratexia de achegamento e posterior venda de produtos e/ou servizos.
 
O márketing emocional baséase en experiencias, sensacións, sentimentos, e todo aquilo que nos faga máis próximos ás persoas.
 
Partimos da premisa de achegar valor con aquilo que facemos, buscando a excelencia das cousas, pero sen esquecernos do pracer que estas nos proporcionan desde a perspectiva de que as emocións son o motor que move a sociedade e que humanizan ao individuo.
 
Descubrimos que a humanidade se move por emocións, por sensacións, por necesidades… e é aí, onde nós incidimos, en relación ás persoas, proporcionándolles desde a nosa perspectiva empresarial os beneficios, as virtudes e todo ese universo de sensacións que poden vivir cos nosos produtos e/ou servizos.
 
Moitas veces é necesario abonar o terreo, isto lévanos a educar ás persoas usuarias no beneficio que lles proporciona a nosa experiencia, na cal se debe ver reflectidas e desexosas de poder gozala.
 
É frecuente que os usuarios e usuarias necesiten ou busquen cubrir unha serie de necesidades, pero se non prestamos atención ás mesmas, se non sabemos escoitar, perdémonos esa parte importante da súa empatía. Para iso, podemos utilizar métodos como o Social Listening para escoitar ao sector. De que fala a audiencia, que fala a competencia, onde se mostran os seus intereses.
 
Como resposta debemos presentar o noso porfolio de solucións ou propostas de valor, onde sexamos capaces de xerar interese baseándose en cada perfil. 
 
Existe unha extensa lista de 17 emocións (entre positivas e negativas). Somos a suma das nosas sensacións e dos sentimentos que abarcamos e vivimos en base ás nosas experiencias. O modo de reaccionar ante unha situación ou ante unha proposta ten aí a súa orixe.
 
O que conseguimos a través das nosas propostas de valor é crear un vínculo afectivo entre a marca que nos representa e as persoas consumidoras, ben sexan as actuais ou a clientela potencial á que queremos converter en prospecto.
 
Hai moitos termos que hoxe en día ecoan no mundo da comunicación e o márketing de contidos como son o Márketing Emocional, o Storytelling, o Márketing Experiencial, o Branded Content e sobre todo as Emocións.
 
Descubrimos que as marcas ven que o achegamento,  P2P -  peer to peer (persoa a persoa), proporciona uns valores incribles á hora de transmitir sentimentos.
 
Descubrimos que o máximo expoñente do márketing emocional son as Lovemarks, onde destacan marcas como Apple, Coca-Cola, Nike, Ikea… Estes referentes souberon encher a través dunha estratexia moi coidada de contidos baseados en Storytelling, humanizar a marca e chegar a conectar cun amplo público, onde non se fala de produto e/ou servizo, senón de experiencias, sensacións e sentimentos, onde cada unha delas fai reflectir aqueles valores que son parte da súa identidade.
 
Todo o mundo sabe dicir que sentimentos ou valores desprende cada unha desas marcas.
 
O noso obxectivo será, por tanto, crear un plan de contidos personalizado para cada unha das segmentacións, dos nosos buyer persoas, onde contaremos historias reais que a xente común experimenta cada día e ver que nós, como marca, pertencemos a esas historias e achegamos un valor fundamental nas mesmas.
 
Jose Luis Taboada
Asesor TIC Smartpeme
 

Fonte:  SmartPeme