Actualidade

« Atrás

Como protexer o teu negocio dos ataques informáticos

Data:  xoves, 01 de xuño de 2017

O criptovirus WanaCrypt0r, con máis de 200.000 usuarios afectados en 180 países, xerou un gran balbordo mediático, deixando innumerables ficheiros persoais encriptados e inutilizados. Non é un ataque novo, os precedentes remóntanse a setembro do 2013 cando nos vimos afectados por CryptoLocker, e posteriormente por Cryptowall e TeslaCrypt, por mencionar só aqueles que tiveron máis incidencia no noso país.

O modus operandi tampouco é novo: un correo electrónico cun adxunto que ao abrilo carga o virus en memoria. A partir de aí podemos destacar algunha curiosidade de WannaCry, que con anterioridade non era común: o emprego dun directorio temporal onde se moven os arquivos para cifrar, ou a lista tan singular das extensións dos arquivos que cifra, incluíndo extensións de "máquinas virtuais" ou ficheiros de "backup".

Ante esta situación a pregunta que máis escoitamos estes días é: que contramedidas podemos tomar ante estes ataques? En xeral as recomendacións para ter en conta son as habituais: un bo antivirus con devasa integrada, sistemas operativos actualizados, copias de seguridade frecuentes e sobre todo non abrir arquivos adxuntos que non esperemos recibir. O erro humano segue sendo a maneira máis fácil de penetrar nos nosos sistemas, polo que é o punto ao que debemos prestar maior atención.

Destes detalles e outras peculiaridades daremos boa conta na nosa charla informativa: "Como protexer o teu negocio dos ataques informáticos" que terán lugar en Ponteareas e Vigo os días 27 e 29 de xuño, respectivamente.

Fonte:  CPAE