Actualidade

« Atrás

Como mellorar a túa marca persoal nos teus correos electrónicos?

Data:  mércores, 28 de outubro de 2015

Desde que iniciamos o noso percorrido empresarial e xorde a primeira idea, levamos asociado connosco un plan de negocio, no cal se inclúe un elemento importante, o branding, ou o que é o mesmo, o proceso de facer e construír unha marca: a nosa imaxe na internet (marca persoal). Esta componse de nome, logotipo e diversos atributos (gráficos, físicos e psicolóxicos) que diferencian un produto e unha empresa dos seus competidores.
En relación ás calidades dunha marca podemos distinguir os atributos, que suxiren calidades do produto; os beneficios de posuílo; o valor que engade o produto e, por último, a personalidade, os valores corporativos que queremos transmitir.
 
A importancia dunha imaxe de marca, como comprobamos, vai máis alá que un logotipo: transmite unha filosofía e uns valores:
• Afecta a toda a identidade corporativa: os vehículos, ao persoal, a publicidade... e a todo aspecto da nosa empresa que estea en contacto coa clientela.
• Inclúe as normas de comportamento coa clientela.
• Debe ser coherente cos nosos valores e non ter elementos discordantes.
 
Cando falamos de marca persoal vemos unha serie de valores que van asociados a nós e á nosa actividade profesional, o que implica coidar tamén a nosa identidade visual nos diferentes medios. Tanto se temos un logotipo coma se non, todo o que fagamos para mostrar unha identidade visual unificada, que conecte entre as distintas plataformas e elementos, vainos achegar valor e xerará branding. 
O marketing email consiste en enviarlle mensaxes de correo electrónico á clientela potencial ou habitual co obxectivo de obter confianza, credibilidade e información sobre a marca.
Para iso debemos xerar contidos de calidade, atractivos, que respondan ás necesidades dos nosos seguidores. Ante todo non debemos automatizar os contidos, xa que nese caso a comunicación perderá calidade e diminuirá a fidelización. Tamén é importante publicar no momento xusto. Na actualidade as persoas consumidoras vincúlanse coa marca antes que cos seus produtos.
 
O meu consello para unha comunicación efectiva é personalizar as mensaxes dirixíndonos sempre ao noso destinatario polo seu nome e abordando as súas necesidades, en relación coas súas preferencias. Para iso debemos elixir o formato correcto.
A miña suxestión é usar un modelo de correo xerado en HTML (similar a unha páxina web), xa que permite darlle á mensaxe unha aparencia moito máis atractiva usando diversos recursos gráficos.
Como mencionamos antes é necesario coidar a marca persoal. Isto implica coidar tamén a nosa identidade visual, incluíndo o deseño da mensaxe e a súa configuración no xestor de correo.
Para conseguir un bo modelo ou unha boa firma recomendamos utilizar a maquetación en HTML con ferramentas alternativas para que non teñamos que escribir unha soa liña de código. Estas son capaces de xerar dito código coma se dun procesador de textos tratásese. A miña recomendación neste caso é Klaviyo, unha ferramenta de email márketing moi cómoda, en liña, gratuíta e intuitiva que nos permitirá xerar eses modelos sen ter nin idea de HTML (máis información en https://www.klaviyo.com/ ).
Unha vez xerado o modelo teremos que configuralo no noso software de escritorio dependendo do xestor de correo que usemos (Microsoft Outlook, Mozilla Thunderbird, Gmail…). No caso de Gmail o primeiro que faremos será activar a posibilidade de crear este tipo de contido xa definido e que poderemos abrir en cada correo. Isto é o que se chama canned responses ou resposta estándar.
Para isto accederemos na configuración de Gmail ao menú de "Labs", onde instalaremos e habilitaremos as respostas estándar.
Unha vez que dispoñamos de modelos personalizados en HTML para darlle respostas estándar á nosa clientela poderemos mellorar a nosa eficiencia creando unha base de datos (BB. DD.) en Excel dentro de Google Drive con aqueles campos que sexan do noso interese e que posteriormente nos permitan facer email márketing personalizado.
Poder enviar correos electrónicos personalizados é unha das posibilidades de Google Drive, opción totalmente funcional e moi sinxela de implementar con Yet Another Mail Merge. O mail merge é unha combinación de correspondencia tradicional.
Agora podemos facer o mesmo co correo electrónico: redactamos no modelo HTML que creamos de texto "fixo" anteriormente e pedímoslle que o combine cos datos que proveñen dunha folla de cálculo, na que un dos datos é o correo da persoa destinataria.
O script encárgase de combinar texto e datos e de enviar cada correo personalizado ao seu destinatario correspondente.
O destinatario recibe unha mensaxe que convida á acción, na que se comunica dunha maneira moi visual, o que nos permite captar desde o momento inicial a súa atención.
 
José Luis Taboada Fernández
Asesor TIC do CPAE 2.0
Enxeñeiro informático

Fonte:  CPAE