Actualidade

« Atrás

Como fotografar a paisaxe que rodea o teu hotel ou a túa casa rural?

Data:  luns, 13 de xullo de 2015

En Galicia, un dos destinos máis rechamantes da chamada "España Verde", atópanse as Rías Baixas, unha das zonas turísticas con máis riqueza natural e de gran tradición gastronómica que atrae tanto a turistas españois coma estranxeiros.

Posiblemente o aloxamento turístico que rexentas estea rodeado ou situado a poucos quilómetros das paraxes e vistas marabillosas destas rías, polo que debes aproveitar esta oportunidade para que se converta nunha das túas fortalezas e así atraer máis visitantes á túa páxina, para que despois poidan ser os teus hóspedes e clientes.

Amósalle ó mundo o que podería ver ó abrir a xanela do cuarto pola mañá. Presume de seráns outonais vistos desde a piscina ou o xardín. Que sexan as túas fotos as que transmitan a experiencia de hospedarse no teu aloxamento turístico. Utiliza a contorna como un valor agregado para captar máis clientes, tanto se está situado dentro dun medio rural coma en plena cidade, sempre se pode mostrar algo máis que soamente o interior dos dormitorios ou a fachada do hotel.

Podes mellorar as túas fotografías e conseguir capturar imaxes belas cos consellos que che dou a continuación:

1.    Utiliza unha cámara réflex (de obxectivos intercambiables) para poder usar unha lente gran angular e abranguer un encadre o máis amplo posible. Recoméndase un obxectivo entre 16 mm e 24 mm, así poderás moverte dentro dese rango. Non necesitas comprar unha cámara custosa, coa réflex que teñas ou a que che preste un amigo será suficiente.

2.    Utiliza a cámara en modo manual ou en modo "Av" (prioridade á abertura do diafragma) para que poidas utilizar un diafragma un pouco pechado, como o f/11 ou máis. Desta forma obterás toda a paisaxe enfocada de maneira uniforme.

3.    Utiliza un trípode. Ó empregárense diafragmas pechados chégalle menos luz ó sensor da cámara, o que xera imaxes subexpostas ou escuras, polo que terás que utilizar velocidades lentas que dan como resultado fotos movidas. Xa que logo, debes colocar a cámara encol dun trípode para que teña estabilidade e non che decepcionen as fotos.

4.    Busca o peso visual. Ás veces a paisaxe non pode ser toda a protagonista. O peso visual refírese a algún elemento sobre o que a xente consciente ou inconscientemente se fixa ó mirar unha imaxe. Poden ser as nubes, un barco, unha sombra que teña algunha forma peculiar, un edificio, unha árbore, unha rocha de certo tamaño.

5.    Evita colocar a liña do horizonte na metade da foto. Colócao un pouco máis arriba ou máis abaixo, é dicir, ten que dominar o "ceo" ou o "inferno" (o ceo ou a paisaxe terrestre). Segundo as deliñacións da composición unha foto cuxo horizonte estea pola metade xeralmente a converte nunha foto aburrida.

6.    Coida o ceo. Un ceo sen nubes non chama a atención, así que cando saques a foto quita un pouco de ceo, pero cando este teña unha rechamante mestura de cores e contrastes ou as nubes teñan formas extravagantes ou rechamantes. Entón dálle o protagonismo e cédelle algo máis da metade da foto.

7.    Forza, movemento e dramatismo. A fotografía de paisaxes non sempre ten que transmitir calma e quietude. Hai escenarios naturais que teñen moita forza e ata poden expresar rabia. Tamén paga a pena que tentes sacar fotos como estas, por exemplo cando as ondas rompen contra un faro ou contra as rochas, o movemento das árbores polo vento, o ir e vir das ondas na praia, etc.

Tes que probar, experimentar e non quedar cunha soa foto. Non te deas por vencido, fai moitas fotos e cada vez serán mellores.

Nirioxis Rodríguez

Fotógrafa

Fonte:  CPAE



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento