Actualidade

« Atrás

Como enfrontar o COVID-19 nos establecementos turísticos

Data:  venres, 31 de xullo de 2020

 
É notable o decrecemento que tivo o sector turístico posteriormente ao COVID. Tanto as empresas como os turistas tiveron que adaptarse ás circunstancias, o medio, a forma de pensar e a forma de viaxar. 
 
Para as empresas turísticas é o momento de cambiar de pensamento, de aproveitar estes momentos para renovarse e poder rexurdir con máis forza. Isto pódese realizar grazas ás distintas tecnoloxías para axudar á mellora do turismo existentes no mercado.
 
Unha ferramenta tecnolóxica útil e barata que se pode explotar ao máximo son os códigos QR, que presentan distintas modalidades como:
 
  1. En formato de billetes electrónicos: Pódese usar como tarxeta de embarque, como entrada a un evento ou mesmo como pago dun servizo.
  2. Como folleto en liña: Desta forma os turistas ou usuarios poden acceder a información útil sobre un recurso turístico, acceder á web do establecemento no que se atopen ou mesmo atopar curiosidades sobre un destino.
  3. Check in: Pódese utilizar estes códigos como chave dunha habitación ou como ferramenta de chegada de pasaxeiros.
  4. En forma de cuestionario de satisfacción: Débese realizar o escaneo do QR inmediatamente despois de que se realice o servizo turístico ou cando o viaxeiro realiza o rexistro de saída para desta forma conseguir unha avaliación máis rápida e unha recensión máis fiable do cliente.
 
Outra ferramenta TIC que tamén adquiriu moito valor desde o comezo da corentena é a creación de circuítos virtuais en Google, xa que permite botar unha ollada a un establecemento desde calquera dispositivo que poida conectarse a internet. Desta forma, axudamos a que a futura clientela ou turistas que van viaxar á provincia poidan facerse unha idea preconcibida dun establecemento, gañando fiabilidade e confianza. 
 
Despois do confinamento gañou moito peso nas empresas turísticas o uso dos Chatbots, estes softwares de intelixencia artificial permiten unha atención 24 horas para a clientela e unha resposta rápida e instantánea sobre dúbidas sobre o servizo. Esta axuda robótica non é gratuíta, xa que ten un alto custo de construción dependendo o deseño das conversacións, os idiomas para utilizar, o grao de dificultade das respostas, etc. Aínda así, é unha ferramenta cada vez máis utilizada e demandada polos turistas estranxeiros e nacionais que buscan unha atención rápida e completa.
 
A parte destas tecnoloxías, tamén hai que valernos das distintas axudas que foron xurdindo coa crise e que o goberno proporciona para incrementar a oferta turística ou para axudar ás empresas para valerse de material sanitario para manter o seu establecemento coas medidas preventivas anticovid. 
 
Para dar fiabilidade aos turistas de que a súa viaxe é seguro tamén se crearon distintos selos de "Safe Tourism" en distintas comunidades autónomas. Algúns deles teñen un custo elevado, polo importe que lle leva ás auditorías a inspección do local e comprobar que se cumpren todas as medidas de prevención, pero outros certificados pódense adquirir de forma gratuíta a través de distintos formularios en liña, por exemplo o que ofrece a Xunta de Galicia co nome de "Comercio seguro Galicia". 
 
Algúns organismos como o Clúster de Turismo de Galicia ofrecen tarxetas Visa de ata 250€ para fomentar a actividade turística. Poderán participar as empresas do sector turístico de Galicia que formen parte de:
  • Aloxamentos (exceptuando vivendas de uso turístico)
  • Axencias de viaxe
Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no REAT e deberán asumir o compromiso do cumprimento da normativa vixente, especialmente as derivadas do mantemento de seguridade e hixiene nos establecementos Post-Covid-19.
 
Outras entidades como o IGAPE céntranse máis en contribuír á creación de confianza entre empresa e consumidor/a, é por iso que ofrecen unha axuda de ata 1200€ para as PEMES que queiran adoptar medidas de seguridade no seu establecemento.
 
Para coñecer máis axudas sobre o sector turismo non dubides en consultar o noso apartado de axudas e subvencións na web.
 
É o momento de avanzar, de crear novas formas de viaxar, aumentar a oferta autonómica e nacional pero sempre ofertando un turismo seguro e de calidade.
 
Mariana Rosa
Asesora TurisTIC
 

Fonte:  SmartPeme