Actualidade

« Atrás

Cómo cumprir cos aspectos legais dun comercio electrónico

Data:  martes, 26 de xaneiro de 2016

 
Existen varias leis que se deben ter en conta para que a nosa tenda de comercio electrónico cumpra con todos os aspectos legais establecidos na lei.
 
En primeiro lugar deberás cumprir as formalidades de Facenda e darte de alta nas epígrafes do imposto de actividades económicas (IAE) que correspondan á actividade do teu comercio electrónico. Tamén deberás darte de alta como traballador/a autónomo/a ou empresa na Seguridade Social. Se xa tes tenda física só debes actualizar as epígrafes en caso de que corresponda.
 
Canto á Lei de ordenación do comercio polo miúdo, esta ten como finalidade establecer un réxime xurídico xeral para este tipo de actividades, e é aplicable tanto se es tenda física como comercio electrónico. Os puntos interesantes respecto das vendas en liña están explicados no artigo 43, de prazo de execución e pagamento, no artigo 44, de dereito de desistencia, e no artigo 46, de pagamento mediante tarxeta de crédito.
 
É moi conveniente ler detidamente a Lei 7/1996, de ordenación de comercio polo miúdo, así como o Real decreto lexislativo 1/2007 para saber cómo actuar e qué información debemos darlles ás consumidoras e consumidores, como o dereito de devolución e a información. Lembra que calquera fallo pode facerche perder todo o dereito no proceso de compravenda.
 
Tamén hai que ter presente a Lei de servizos da sociedade da información e comercio electrónico (LSSI), na que se regulan o réxime xurídico dos servizos relacionados con Internet e a contratación electrónica. Nela establécese que debemos ter no noso comercio electrónico a seguinte información:
 
· Denominación social, número de identificación fiscal (NIF), domicilio, enderezo de correo electrónico e número de teléfono.
· Datos de inscrición, no caso de que a empresa estea rexistrada no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público.
· Prezos dos produtos que comercializas, indicando se inclúen ou non os impostos de lei, gastos de envío e calquera outro dato que deba incluírse en cumprimento de normas autonómicas aplicables.
· Os códigos de conduta aos que, no seu caso, estea adherido e a maneira de consultalos electronicamente.
 
Respecto da política de cookies, no apartado segundo do artigo 22 da Lei de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico (ou LSSI) menciónase, entre outras cousas, que se deberá incluír un procedemento de consentimento previo ao emprego de cookies que foron utilizadas pola plataforma de comercio electrónico e a forma de desactivalas.
É importante indicar de maneira clara e precisa qué son as cookies e o tipo destas que se instalarán ao visitar a web, a utilización que se lles vai dar, a forma de desactivalas e, por último, informar onde se pode obter máis información sobre elas.
 
Para finalizar, cómpre resaltar que cando unha clienta ou cliente se subscribe aos boletíns ou comeza un proceso de compra no noso comercio electrónico xa somos responsables do ficheiro de datos e do seu tratamento, e en nós recaen as principais obrigas establecidas pola LOPD. Desta maneira, correspóndenos velar polo cumprimento da lei e por tanto debemos:
 
· Notificar os ficheiros ante o Rexistro Xeral de Protección de Datos para que se proceda á súa inscrición.
· Asegurarse de que os datos son adecuados e veraces, obtidos lícita e lexitimamente e tratados de modo proporcional á finalidade para a que foron solicitados.
· Garantir o cumprimento dos deberes de segredo e seguridade.
· Informar ás e aos titulares dos datos persoais na recollida destes.
· Obter o consentimento para o tratamento dos datos persoais.
· Facilitar e garantir o exercicio dos dereitos de oposición ao tratamento, acceso, rectificación e cancelación.
 
En resumo, debemos coñecer claramente os nosos deberes e dereitos cando xestionamos unha tenda virtual. Para cumprir as normativas debemos integrar no noso sitio web o seguinte:
 
1. No portelo para o negocio electrónico debe haber unha notificación do uso de cookies. Esta información debe ter unha ligazón a un apartado no cal se especifiquen todos os datos segundo os requirimentos antes comentados.
2. Un apartado de aviso legal, no que se incluirá a información da LSSI, da Lei de ordenación do comercio polo miúdo, condicións de uso, entre outras.
3. Un apartado de protección de datos (políticas de privacidade), no que se incluirá toda a información da LOPD.
 
Victor J. Fernández.
Asesor CPAE 2.0 Lalín 

Fonte:  CPAE