Actualidade

« Atrás

Cobertura WIFI na oficina Repetidor Vs PLC

Data:  martes, 01 de setembro de 2015

Tes cobertura wifi en todas as partes da oficina? Repetidores vs. PLC

Se es dos que responden timidamente "non", continúa lendo este consello, comentareivos brevemente e de maneira sinxela como resolver este problema de maneira moi fácil e económica.

Seguramente na nosa oficina ou nas súas diferentes plantas temos puntos negros ou zonas de cobertura moi limitada onde, por estraño que pareza, temos sinal wifi pero non conseguimos conectarnos e levamos as mans á cabeza, exclamando "Non entendo nada… teño sinal pero non consigo navegar por internet!!".

Isto é debido a dous conceptos moi sinxelos que debemos entender: cobertura e ruído

O sinal dun dispositivo wifi pode ser potente, desde logo iso permítenos ter máis cobertura para conectarnos sen fíos pero, que ocorre se poñemos repetidores wifi para solucionar o noso problema? Esta xenial idea xurdiu debido á enorme publicidade que vemos nos medios e ó seu atractivo prezo, pero aquí non se fala nada do ruído, o noso grande inimigo, e logo chegan os problemas que antes mencionaba.

Para entender o que ocorre cos repetidores, imaxinemos por un instante a situación con este exemplo cotián: "se queremos enviar unha mensaxe a un amigo usando a nosa voz e supoñendo que esta mensaxe ten que pasar por 10 persoas, xeralmente a mensaxe chega distorsionada xa que a canle vai perdendo información a medida que se transmite de amigo a amigo". Isto mesmo ocorre cos repetidores, existe ruído e o dispositivo recibe o sinal con forza (cobertura) pero con moito ruído e non identifica a mensaxe correctamente.

Conclusión: é malo un repetidor? Nin moito menos, "está xenial", si e só se usas 1 ou 2. Xa que de aumentares o número de repetidores perderás calidade porque se incrementará o ruído.

Como resolvo este problema? Pois tan sinxelo como utilizar adaptadores PLC

A diferenza deste dispositivo é que o sinal wifi non viaxa polo aire, coa súa consecuente perda de calidade, senón que viaxa pola rede eléctrica da nosa oficina e a perda é case nula. A súa instalación é sinxela, basta enchufalos á rede por pares, poñendo un onde está o router e o outro na parte da oficina onde non hai internet e listo.

Resumindo: repetidor vs. PLC

Repetidor: é moi barato, só debe usarse no caso de termos unha pequena zona onde non exista boa cobertura, require de configuración, hai unha perda de sinal a medida que incrementamos o número de repetidores en serie.

PLC: non é tan barato pero tampouco ten un prezo excesivo e pódese usar en calquera sitio onde haxa un enchufe, non require de configuración e non hai perda de sinal.

Un saúdo

Autor: Pablo Sabell, Asesor TIC oficina CPAE 2.0 Vigo

Fonte:  CPAE