Actualidade

« Atrás

Clubhouse, a nova rede social que promete dialogar

Data:  venres, 26 de febreiro de 2021

Coñeces xa o último éxito das redes sociais?

Se é así, xa saberás que estamos a falar de Clubhouse. Se non te soa, queda e contámoste sobre a nova revolución social.

Clubhouse é unha plataforma exclusiva, que, por agora, xa conta con 5 millóns de descargas e que, basicamente, xira en torno ao audio en vivo. Está a converterse nunha das redes sociais máis populares do momento e en moi pouco tempo. Dicimos exclusiva porque soamente está dispoñible para iOS, deixando atrás ás persoas usuarias de Android.

A diferenza principal con outras redes sociais ou aplicacións como Whatsapp, é que Clubhouse céntrase na comunicación a través de mensaxes de texto falados, é dicir, céntrase no contido de audio para a interacción.

A forma na que funciona é simple. Supoñendo que xa teñas unha conta, recibirás unha recomendación de chat que comezará proximamente. Estas recomendacións baséanse na selección que se fai ao comezar, durante o rexistro, polo que os temas que máis che gusten aparecerán con máis frecuencia.

Máis tarde, poderás unirte a ese chat/sala e escoitar o material ou tema elaborado polas persoas oradoras. Soamente algunhas persoas falarán como oradoras e o resto actuarán como oíntes. Igualmente, tamén hai a posibilidade de participar nese diálogo para intercambiar parecer ou opinións.

Unha aplicación exclusiva e popular

Clubhouse fundouse hai un ano, pero saltou a fama cando o pasado 30 de xaneiro, Elon Musk (fundador de Tesla), deuna a coñecer.  Musk entrevistou ao confundador de Robinhood -Vlad Teney- e pasou a ser unha das aplicacións máis famosas deste 2021.

O que cabe destacar é que, do mesmo xeito que outras plataformas de redes sociais estadounidenses, China xa a bloqueou desde principios de febreiro.

Diciamos no comezo que a exclusividade é un aspecto que fai que todo o mundo fale dela. Ademais de estar soamente dispoñible para iOS, unicamente pódese facer o rexistro a través de invitación.

Polo xeral, as invitacións poden ser enviadas por persoas usuarias que xa se atopan dentro de Clubhouse, pero tamén existe a posibilidade de que postules e que, pasado un tempo, a aplicación envíeche unha invitación.

Esta App xa foi valorada en mil millóns de dólares por equipos de investimento no mes de xaneiro. Por agora, Twitter acaba de lanzar a súa propia versión chamada Spaces, e segundo noticias procedentes de Silicon Valley, Facebook xa está a traballar nun produto similar.

E ti, xa estás activo ou activa en Clubhouse?

 

Fátima Faílde

Asesora TIC SmartPeme

Fonte:  SmartPeme