Actualidade

« Atrás

Clases maxistrais de expertos

Data:  mércores, 16 de xullo de 2014

Un dos servizos máis requiridos polos usuarios dos centros de asesoramento empresarial da Deputación son as actividades de capacitación tecnolóxica. Por este motivo, todos os puntos CPAE 2.0 iniciaron este mes un intenso programa de sesións informativas, con temáticas como a seguridade informática, a adecuación de sistemas á Lei orgánica de protección de datos (LOPD) e á Lei de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico (LSSICE) e as plataformas de comercio electrónico.

Os relatores que as imparten son especialistas nas respectivas materias. Así, Jorge Pasamón, sénior manager de PwC Auditores, con máis de doce anos de experiencia, protagonizará conferencias sobre seguridade informática, mentres que Leonard Pera, profesional experto en plataformas en liña e autor do libro Social Commerce. 100 consejos para vender en internet, dará algunhas directrices sobre como afrontar a posta en marcha dunha tenda en liña. Pola súa banda, Carlos González Luis, que conta con 20 anos de experiencia en consultorías de negocio, será o encargado de falar sobre as plataformas de comercio electrónico.

As xornadas, que se intercalan con outros obradoiros informativos impartidos polos propios asesores do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0, retomarán a súa actividade hoxe no Edificio Administrativo da Deputación, a partir das 20:00 horas, cunha sesión sobre seguridade informática. O próximo xoves, día 17 de xullo, ás 17:30 horas, terá lugar nesta mesma sede unha conferencia sobre adecuación ás normativas da LOPD e a LSSICE.

O edificio, situado na avenida de Montero Ríos de Pontevedra, volverá acoller o 22 de xullo, ás 13:00 horas, un novo obradoiro, neste caso centrado en plataformas de comercio electrónico. O día 24, ás 20:00 horas, terá lugar unha xornada sobre mercadotecnia dixital, que se repetirá o 29 de xullo á mesma hora. O programa de actividades de capacitación tecnolóxica deste mes pecharase cun obradoiro no que se ofrecerán consellos para triunfar coa xestión dunha tenda en liña.

MÁIS CURSOS. Tal e como avanza o Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, que dirixe Amancio Varela, proximamente organizaranse novos obradoiros nos que se falará, tamén desde un punto de vista práctico, sobre o emprego das redes sociais para a venda e atención ós clientes, presenza en liña, manexo de aplicacións básicas (coma o correo electrónico), uso eficiente de Google, recursos e ferramentas para os negocios, Google Apps for Bussiness, almacenaxe na nube e comercio electrónico e aplicacións móbiles para micropemes. Para acudir a estas sesións cómpre reservar praza por vía telefónica (886 202 020) ou a través da web ou do correo electrónico do CPAE.

Plataforma de comercio virtual

A sede central situada na avenida de Montero Ríos conta con cinco técnicos formados non só para darlles resposta ás consultas que lles formulen os usuarios, senón tamén para a organización de diferentes actividades formativas e de asesoramento. O proxecto, financiado pola Deputación coa axuda de fondos europeos FEDER, contempla a creación dunha plataforma de comercio virtual, que funcionará como nova canle de venda en liña para os produtos e servizos autóctonos da provincia. O horario de apertura da oficina central adáptase o máximo posible ás necesidades dos empresarios, polo que, se ben oficialmente abre de 10:30 a 21:00 horas de luns a venres e de 10:30 a 14:00 horas os sábados, ten un carácter dinámico e adecúase á demanda.

 

Fonte:  www.diariodepontevedra.galiciae.com



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento