Actualidade

« Atrás

Case un milleiro de emprendedores visitan Franquiatlántico en Vigo para crear o seu propio negocio e rendibilizar pequenos capitais

Data:  martes, 28 de febreiro de 2017

Medio centenar de empresas que representan a 200 marcas participaron no evento

O salón da Franquía e negocios Franquiatlántico, celebrado o fin de semana en Vigo, pechouse cun milleiro de visitantes, a gran maioría emprendedores que queren montar o seu propio negocio, rendibilizar pequenos capitais, aproveitar locais comerciais ou autoemplearse.

Cincuenta empresas en representación de 200 marcas participaron no evento, que recibiu o apoio da Deputación de Pontevedra entre outras entidades e tivo lugar no Exhibition Center do peirao de transatlánticos en formato dunha soa xornada. A feira contou tamén coa presenza das principais consultoras nacionais e internacionais. A organización destaca que Franquiatlántico logrou os obxectivos marcados, tanto ao atraer visitantes cualificados como ao facilitar que as empresas franquiciadoras e as consultoras cheguen a acordos comerciais con futuros franquiciados.

Esta décimo sétima edición tamén incorporou citas online, e o programa incluíu unhas xornadas técnicas organizadas pola Asociación Española de Franquiciadores (AEF) baixo o título "Foro da Franquía Emprende". As firmas expositoras realizaron presentacións comerciais; mentres que os premios FranquiAtlántico, baixo a dirección técnica da Asociación Española de Franquiciadores (AEF), recoñeceron o traballo de varias empresas e profesionais do sector.

Firmas premiadas

A empresa iGarden, dedicada á xardinería intelixente, foi premiada na categoría "concepto galego Start Up en franquía máis novo"; mentres que Centros Xenios, especializada en potenciar o talento e control das emocións, recibiu o galardón por "concepto nacional Star Up en franquía".

Carlin, do sector da papelería, foi distinguida como "empresa franquiciadora máis consolidada a nivel nacional". En Look  & Find, líder en sector inmobiliario, recaeu o premio á "franquía con soporte tecnolóxico máis novo"

Ademais concedeuse un premio de "Libre elección do xurado" a Xema Boiza, xornalista de Información Económica, pola súa excelente traxectoria no sector, e o premio de "libre elección do Salón" á AEF polos seus "estudos estatísticos".

Fonte:  SmartPeme