Actualidade

« Atrás

Cando debo publicar as miñas entradas en Facebook para obter un aumento de persoas que me sigan?

Data:  xoves, 19 de novembro de 2015

Un dos erros máis comúns do usuariado das principais redes sociais é pensar que, canto máis se publique, máis rápido se alcanzarán os nosos obxectivos. Isto non é de todo certo, xa que, pola contra, se se abusa en exceso de publicacións nos nosos perfís comentando calquera novidade, publicidade ou noticia podemos non só non aumentar o número de persoas seareiras senón que podemos perder as que xa temos.
Por iso, antes de lanzarnos a ser o noso propio community manager é importante facer unha análise previa. Neste novo artigo imos realizar un pequeno exercicio cunha breve lista de verificación para unha entrada promocional.
 
Supoñamos que a nosa publicación é estacionaria, é dicir, que se repite en determinadas datas, por exemplo, as do Nadal. Para aproveitar o tirón destes días tan sinalados as redes sociais son a mellor ferramenta para obter os nosos obxectivos: aumentar fans ou persoas que nos sigan, neste caso. 
 
Antes de iniciar unha publicación é necesario contestar unha serie de preguntas para situarte no bo camiño:
  • Dispós de boas fotografías para expoñer o teu produto ou servizo?
  • Tes xa un texto descritivo breve que se axusta ao que necesitas comercializar?
  • Estudaches xa a hora do día e cando debes publicalo?
  • Sabes cal é a segmentación do teu público obxectivo?
Persoalmente, eu dedico unhas horas a pensar cal é o meu obxectivo e que é o que necesito. O meu truco aquí é coller ideas doutras páxinas e tentar mellorar o que ofrecen, cun mellor deseño para realizar unha entrada atractiva e, sobre todo, preparar unha chamada á acción para asegurarme os meus resultados. 
Pero, que é unha chamada á acción? Cando publicas unha entrada debes sempre pensar nunha conversión, é dicir, en que a persoa usuaria que te visita che axude a realizar o teu obxectivo, por exemplo, o aumento de visitas á web. Por tanto, a chamada á acción sería tan sinxela como pór unha ligazón á túa páxina. 
Supoñamos que xa tes unha boa fotografía ou un bo deseño e, se non é o caso, existen infinidade de páxinas gratuítas para realizar pequenas colaxes atractivas.
 
En canto ao texto, depende da narrativa de cada un, pero non fai falta ser un Cervantes, tes que ser claro, conciso e empregar unha boa palabra de márketing… "gratis, para ti, a túa oportunidade, non deixes escapar" etc.,  xa que a idea aquí é captar a atención do usuariado.
 
Unha vez feito o deseño e o texto analizaremos en que momento debes publicar; para iso, é importante coñecer o teu público. Facebook bríndanos unha característica que permite saber cando te visitan, polo que se debe publicar xusto vinte minutos antes de alcanzar o pico máis alto. Por exemplo:
Dentro de " Estatísticas" no meu "Perfil público" podes observar que os teus fans te visitan ás 22:00, alcanzando un pico de 3.824 visitas de media por semana. Sería perfecto publicar a noticia ou entrada vinte minutos antes para que, cando entren no Facebook, a vexan, porque aparecerá entre as primeiras nos seus muros. De non o faceren así terían que facer scroll co rato e baixar ata atopala ao final da páxina, algo nada recomendable para a consecución dos teus obxectivos.
 
     
 
E, por último, xa sabes cal é o teu público obxectivo? Recoméndoche que lle botes unha ollada á seguinte estatística que ofrece Facebook, xa que pode ser de moita utilidade, pois ofrece, en porcentaxes, que tipo de persoa usuaria acode a visitar o teu perfil, o que permitirá axustar a información das túas publicacións acorde ás persoas que te seguen.
 
                          
 
Estes son os meus consellos para realizar unha entrada. Convídote tamén a nos visitar nos puntos CPAE 2.0, onde che podemos dar máis trucos e recomendacións baseadas na nosa experiencia.
 
Moitas grazas
Pablo Sabell
Asesor TIC CPAE 2.0 Vigo
 
 

Fonte:  CPAE