Actualidade

A imaxe como elemento diferenciador: como navegar polo interior do noso negocio a través de Google

Data:  xoves, 17 de decembro de 2015

Hoxe falaremos dun novo escenario de presentación do noso negocio para poder situalo no mapa das procuras dos nosos posibles clientes e clientas  e que nos proporcionará excelentes resultados. Estamos a falar do Márketing visual con vistas 360º de Google, que nos axuda a través do posicionamento SEO e posicionamento en Maps.

A mercadotecnia de visibilidade, coas vistas de comercios e accesos ás áreas de interese dos nosos negocios, incrementa as posibilidades de contratación cando a clientela ten a certeza de que o que ve é o que ela demanda, sen manipulacións publicitarias. A comunicación visual dá un matiz de seguridade mediante fotografías que reproducen un percorrido virtual nas diferentes plataformas de Google que traballan a xeolocalización e a xeomercadotecnia de visibilidade, Google Maps, Google My Business e Hotel Google Finder, que proporcionan a posibilidade de que o noso negocio sexa visible con tecnoloxía Street View a través dun percorrido virtual 360º e de fotografías panorámicas.

Coas fotos panorámicas Business View de Google Maps a clientela pode buscar e coñecer os nosos bares, adegas, cafetería e  todo tipo de negocios, desde as procuras e coa experiencia dunha visita virtual en liña. Desta forma achegamos esta información ás persoas consumidoras, proxectando un coñecemento real destas empresas.

Con este  percorrido virtual das instalacións da empresa causaremos unha boa impresión, xa que a clientela terá a seguridade de facer unha compra nun lugar que existe e que coida a súa imaxe, como demostra o querer compartila a través de Internet. O empresario pode publicar fotos de produtos, ofertas, servizos ou eventos desde o seu computador, teléfono intelixente ou tableta.

Todas as fotos que se incorporen a Google Maps deben realizarse con calidade publicitaria e ser propiedade da empresa, o que lle permitirá usalas en futuras  campañas, tanto en liña como fóra da internet. Doutra banda, debemos ter en conta que existen profesionais da fotografía que contan coa garantía de estar acreditados por Google Maps Business View, e que son os únicos que poden realizar estes servizos fotográficos e a xestión de subida a Google, incluída a publicación en Google Maps. As fotógrafas e os fotógrafos certificados cumpren o estándar de calidade Google e por iso deben ter a licenza de contratista Google Maps Business View.

É moi importante destacar que é necesario facernos visibles a través dun deseño adaptativo (responsive) das nosas comunicacións, é dicir, que a nosa páxina web estea dispoñible para os diferentes dispositivos (PC, tabletas, teléfonos intelixentes…), xa que son múltiples as formas e hábitos de procura  da nosa clientela. O feito de poder inserir este complemento diferenciador na web oficial da empresa e noutras plataformas, como as redes sociais (Facebook e outras), poñen en valor o branding ou marca do noso negocio.

Todo este mundo de realidade virtual proporciónanos notoriedade 2.0 e xera un selo ou sinal de confianza na nosa clientela. Ademais, esta alternativa de mercadotecnia é recomendable para unha boa política de comunicación baseada en estratexias Social-Local-Mobile (SoLoMo).

 

José Luis Taboada Fernández

Asesor TIC do CPAE 2.0

Enxeñeiro informático

Fonte:  CPAE