Actualidade

« Atrás

2021, o ano que cambiou definitivamente a nosa forma de consumir

Data:  venres, 22 de xaneiro de 2021

Se 2020 foi o ano da pandemia mundial, cuxos efectos políticos, económicos, sociais, etc.   a moitos niveis aínda non somos capaces de calibrar -e que seguirán dando rabexadas ata ben entrado este novo ano- 2021 convertirase por forza nun período de cambios e innovacións en resposta a esta nova normalidade resultante que nos tocou vivir. 
 
As tendencias en márketing dixital para este 2021 estaban tecnoloxicamente previstas pero a Covid-19 veu a acelerar a súa velocidade de implementación para adaptarse ás circunstancias. No novo mundo, de aforos moi limitados ou inexistentes, reunións sociais e de traballo por videoconferencia ou restricións de mobilidade, foise impoñendo o virtual tamén na nosa forma de consumir, ao non poder facelo en moitos casos de maneira física. 
 
Imos ver as principais tendencias en márketing e comercio electrónico para este 2021, xa apuntadas como diciamos, pero cuxa presenza vai aumentar de forma exponencial, en boa medida para quedar definitivamente entre nós.    
 
Comprar por TV (Shoppable TV)
 
Xa asentada revolución das plataformas de  streaming, unha das novas tendencias de márketing dixital será comprar a través da televisión. Era algo que xa se intuía, pero agora parece converterse nunha canle suficientemente madura, con relación aos hábitos dos consumidores, e tecnoloxicamente posible. Xa existen diferentes formatos, como as pantallas de compra secundarias ás que o espectador pode acceder cun clic do mando ou os códigos QR para escanear co móbil.
 
Machine learning e IA para seguir o ciclo de vida do cliente
 
Supón un paso máis aló na personalización que poñer o nome da persoa destinataria ao comezo dun email. Existen ferramentas que aplican a intelixencia artificial e o machine learning aos ciclos de vida do cliente e personalizan mesmo os contidos do propio email en base a diferentes variables: datos ambientais, de comportamento, baseados en intereses ou outro tipo de datos.
 
Publicidade programática noutros formatos: wearables, TV e radio
 
A publicidade programática (publicidade adaptada ao noso timing e intereses segundo o noso historial de navegación e outros datos recompilados como usuarios na rede) é outra tendencia de márketing en liña que foi cobrando forza e que este 2021 abrirase a canles novas.
 
Os  wearables son un deles e resultan especialmente interesantes pola gran cantidade de datos que albergan sobre os seus usuarios, pero tamén podemos falar de plataformas de  streaming como  Netflix e aplicacións para escoitar podcasts e a radio en liña, como Spotify. De feito, existe unha nova solución publicitaria pertencente a Spotify, chamada Studio Ads. Esta dá a posibilidade de incluír anuncios de formato vídeo, tanto en horizontal como en vertical. Unha nova forma de chegar aos usuarios desta rede.
 
Shoploop 
 
Shoploop é unha nova plataforma de Google que xunta vídeos do estilo de TikTok co ecommerce. Desta forma, as marcas realizan demostracións dos seus produtos en vídeos de ata 90 segundos e que permiten ser adquiridos desde a propia aplicación. Moi utilizado actualmente polas marcas de beleza e cosmética.
 
As compras en WhatsApp
 
A aplicación de mensaxería de Facebook foi a última en incorporar unha opción de compras dentro da aplicación, integradas coa solución de Facebook  Shops. Unha ferramenta máis para converterse nunha aplicación imprescindible dentro do sector  ecommerce.
 
Estes son só algúns exemplos, pero ben valen para ilustrar que 2021 púxose as pilas e acelerou un proceso de dixitalización no comercio e na nosa maneira de consumir que pretende dar resposta, e en certa maneira, exercer de  contrapeso ás limitacións que este ano que termina tivo que poñer, inevitablemente, ás nosas actividades cotiás. 
 
Adrián Fernandez
Asesor TIC 
 

Fonte:  SmartPeme